A feira de gando de Friol reúne once ganderías e 126 reses nunha edición de éxito

A duodécima edición da Feira de Gando Vacún de Carne de Friol converteuse nun gran punto de encontro para gandeiros do municipio e doutras zonas, acollendo este ano un total de once ganderías, tres máis ca na última cita, e 126 reses. Ademais da exhibición e concurso de exemplares, a feira incluíu como novidade unha exposición de razas autóctonas de Galicia, que espertou grande interese entre os asistentes.
Tras a cancelación da pasada edición pola incidencia da enfermidade hemorráxica epizoótica, a recuperación do evento foi todo un éxito. O rexedor local, José Ángel Santos, destacou a importancia de manter viva esta tradición e afirmou: “Grazas de corazón a todos os gandeiros de Friol e ás ganderías que, dun xeito ou outro, participaron nesta nova edición e fixérona posible. Seguiremos celebrando a nosa tradición e o esforzo de todos vós, porque cada ano facemos historia xuntos!”.
O Concello repartiu 2.000 euros en premios entre os diferentes participantes, nunha xornada que encheu o mercado gandeiro e que tamén contou con postos de polbo e churrasco para completar a festa. A granxa A Morena resultou a máis galardoada da cita, demostrando unha vez máis a calidade do gando friolés.