A Feira do Ferro de Riotorto presenta o seu cartel para o 19 de abril

TerraChaXa | AMariñaXa
Un dos momentos máis esperados da xornada adoita ser a demostración en vivo de artesanía do ferro
feira-do-ferro-riotorto-2026
28 Feb 2026

A XVII Feira da Artesanía do Ferro celebrarase en Riotorto o domingo 19 de abril, reunindo ferreiros procedentes de distintas partes de Galicia, España e Europa. Este evento, cunha fonda tradición, busca poñer en valor este oficio a través de demostracións en vivo, exposicións, música e actividades para todas as idades.

O Concello fixo público o cartel do evento e, en breves datas, dará a coñecer o programa, no que destaca como actividades especiais as demostracións en vivo da artesanía do ferro.

A Feira do Ferro que se celebra en Riotorto dende o ano 2007 no mes de abril é un gran encontro, un dos piares clave da súa economía. Xurdiu a iniciativa de catro amigos que en 2006 comezaron a pensar en como promover a súa profesión.

Na actualidade na zona de Riotorto hai aproximadamente unha ducia de persoas facendo pezas de ferro, pero a súa situación non é sinxela. “Séguese consumindo moito ferro, séguense demandando pezas para o monte e para as plantacións, ademais de utensilios sinxelos para as casas, pero comparado con hai anos vai descendendo. En tódolos sitios unha ferramenta manual fai falla, o sector das ferramentas é necesario, pero a artesanía non pode competir cos prezos das fábricas”, din dende a asociación.

O proceso manual que fan os ferreiros é moito máis laborioso e custoso, polo que se encontran cunha problemática, “existe un círculo vicioso no campo, a xente que demanda as ferramentas tamén ten problemas para vender a súa produción, como a leite ou os produtos de horta. É unha cadea, se eses prezos están baixos nos temos que baixalos para que poidan acceder ás ferramentas. Se non hai cartos móvese todo con dificultade. Se encontran un coitelo por dous euros cómprano, pero logo tamén ven que a calidade non é a mesma”.

0.13347601890564