A Feira do Grelo das Pontes presenta a edición 44, que será os días 1 e 2 de marzo


O Concello das Pontes celebrará os días 1 e 2 de marzo a edición número 44 da Feira do Grelo, unha cita gastronómica a través da que se busca poñer en valor un dos produtos mais emblemáticos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional e para a que os departamentos de Cultura e Turismo deseñaron unha programación que conxuga as actividades máis tradicionais como o concurso de cestas coa venda de produtos agrícolas, actividades de promoción das razas gandeiras autóctonas e a música.
As actividades comezarán o sábado, ás 10:00 horas da mañá, na rúa Ramón Cabanillas, cunha exhibición de torneado e talla de madeira a cargo da Asociación Amigos da Madeira das Pontes. Nesta mesma rúa e a mesma hora abriranse os postos de venda de produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética e pezas de xoiería. O mercado poderá visitarse o sábado ata as 14:00 horas en horario de mañá e desde as 16:00 ás 19:00 horas durante a tarde. O
Á mesma hora, na carpa instalada na Avenida de Coruña, durante toda a fin de semana, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) achegará ata As Pontes unha exposición de razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción e unha degustación de petiscos elaborados con razas autóctonas co obxectivo de dar a coñecer as características e beneficios deste tipo de gando.
Por outra banda, os grupos de música tradicional No Cómbaro e Axóuxere percorrerán as rúas do centro do pobo a partir das 11:30 horas. A música regresará ás 23:30 horas cun concerto de Entroido, no patio do Colexio Santa María a cargo da Orquesta Marbella.
O domingo as actividades arrincarán, ás 08:00 horas co tradicional concurso de cestas na Praza de América, onde os produtores poderán presentar as súas cestas de grelos ata as 10:00 da mañá e ás 11:30 horas o xurado fará entrega dos premios ás cestas gañadoras na Praza de América.
A partir das 10:00 horas o público asistente poderá gozar, novamente, na Rúa Ramón Cabanillas a exhibición de torneado e talla de madeira da Asociación dos Amigos da Madeira das Pontes. Nesta mesma rúa e a mesma hora abriranse os postos de venda de produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética e pezas de xoiería. O mercado estará aberto de xeito ininterrompido ata as 17:00 horas.
Por outra banda, a partir das 11:30 horas, as rúas da vila encheranse de música cos pasarrúas de Os Trevillas e Canavella e a partir das 13:00 horas, no patio de Santa María celebrarase a degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, touciño, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, incluíndo a sobremesa, pan e a bebida. O prezo será de 25 euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar.
Todas aquelas persoas que queiran degustar freixós, deberán trasladarse ata a Avenida da Coruña onde estará instalada a freixoeira desde a maña do venres e durante a fin de semana, en horario de mañá.
O broche de ouro da 44 ª Edición da Feira do Grelo virá da man do concerto de Uxía e Celina da Piedade, a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi.
