A Feira do Mel de Montaña cumpre dez edicións como escaparate da calidade das producións apícolas de Muras

TerraChaXa
As producións locais son as protagonistas da feira, que se celebra o domingo 17 de novembro na Praza do Viveiró
MURAS feira mel
10 Nov 2025

Muras celebra esta fin de semana a Feira do Mel de Montaña, un evento centrado na promoción da calidade das producións locais que chega este ano á décima edición.

O deputado do Rural, Daniel García, e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, acompañados polas concelleiras Paula Gómez e Azucena Camba e polos responsables da Casa do Mel de Goente, Isabel Goti e Manuel Ferreira, presentaron a feira, organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A cita, que se celebrará na Praza do Viveiró, contará con máis dunha vintena de postos de venda de mel e doutros produtos de tempada e proximidade, entre eles sete postos de apicultores e apicultoras de Muras e da contorna.

O alcalde, Manuel Requeijo, valorou a década de traxectoria dun evento “que naceu como unha proposta para dinamizar esta zona do concello e que se consolidou como unha feira de referencia para as producións locais e para o sector”, e enmarcou a organización “nas iniciativas que desenvolvemos desde o goberno municipal para apoiar o noso sector primario”.

Pola súa banda, o deputado Daniel García destacou “a importancia destas iniciativas de promoción e comercialización directa, que apoian a produción de alimentos de proximidade e a diversificación produtiva no sector primario; neste caso, unha actividade como a apicultura, que xera rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúe ao mantemento do medio natural”.

Ademais, na véspera da feira celebrarase unha xornada técnica cunha cata de mel aberta ás producións apícolas do concello, na que se recoñecerán os dous mellores meles de montaña e o mellor mel monofloral de breixo.

⚙ Configurar cookies
0.072023868560791