A Feira do Mel do Valadouro coincide co Pilar

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Out 2019

O Valadouro presentou oficialmente o cartel para a súa XXXII edición da Feira do Mel e o Mercado de Outono. Como en edicións anteriores a base do cartel esta deseñada por alumnos do Centro de Educación Infantil e Primaria Santa María do Valadouro. Nesta ocasión os deseños son obra das alumnas Maia García e Candela Riveira de sexto curso. Os gañadores de cada curso serán premiados dentro da conferencia O doce mundo do mel que a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ofrecerá para o alumnado do centro educativo o vindeiro venres día 11 de outubro. 

Nesta edición coincidindo coa festividade do Pilar a rúa Andrés López Palmeiro e a Praza de Santa María énchense para albergar os máis de 40 postos rexistrados, dos cales 18 ofrecerán distintos tipos de mel. Once serán os produtores locais acompañados doutros chegados desde: Friol, Ourense, Fonsagrada, Viveiro e Asturias. 

Paralelamente ao produto estrela do municipio dentro do Mercado de Outono, os visitantes atoparán postos de artesanía, castañas, cosmética natural... a asociación AFRUVAL (Asociación de Fruticultures do Val) ofrecerá nun posto mazá ecolóxica producida no Valadouro e Alfoz. 

A XXXII edición da Feira do Mel (Mercado de Outono) comezará coa apertura dos postos as 10.00 horas pola rúa, e un poquiño máis tarde, ás 11.00 horas comezará unha serie de showcookings (demostracións de receitas de cociña). 

Desde as 11 horas contarán cunha locomotora asadora de castañas que as vai a repartir, entre todos os asistentes de maneira e como de costume, gratuítamente. 

Ás 12.00 fará un pasacalle polo mercado a asociación cultural Amado Lar para dar paso a apertura da ruta de tápeo polos locais hostaleiros do Valadouro. Nesta ocasión, os locais ofertarán durante todo o día dúas tapas gratuítas de tempada nas que nos podemos atopar como base o mel, a mazá, a castaña, a noz, os cogomelos, etc. 

Ó remate da xornada da mañá, realizarase un sorteo entre todos os asistentes cun lote de produtos doado polos postos da feira. 

Xa de tarde, e a partir das 15.30, contarán cun obradoiro de pintacaras, globoflexia e inchables para todos os nenos que se queiran achegar ata o recinto feiral. 

A partir das 18.00 terán a típica e tradicional degustación de feixós con mel e para rematar o segundo sorteo do lote de produtos doado polo postos da feira. 

Desta maneira, quedará clausurada a XXXII Feira do Mel-Mercado de Outono para darlle paso á segunda parte da ruta de tapeo polos locais hostaleiros. Unha ruta que nesta ocasión vai estar animada polo grupo Festicultores Troupe. 

0.19159913063049