A Festa do Poldro de Muras xa é de Interese Turístico Galego
O Consello Galego de Turismo por fin recoñeceu a declaración da Feira do Poldro de Muras como Feira de Interese Turístico Galego.
"Ademais da axuda anual de 3.000 euros, o que máis nos importa é o prestixio e o bo nome que dá para Muras", di o alcalde Manuel Requijo, "é unha feira con tantos eventos, con tanta asistencia que é moi importante para a zona".
A Festa do Poldro de Muras celébrase desde hai máis de 30 anos. Esta cita naceu por un grupo de veciños para a exaltación e comercialización do poldro e a súa carne, un produto autóctono, criado en liberdade e cunha alimentación natural.
Esta aprobación chega no medio da tramitación de axudas para este tipo de eventos, que este ano duplicará a partida ata superar os 600.000 euros. Deste modo as festas poderán optar a unha subvención por parte do Goberno autonómico de ata 6.000 euros.
EDICIÓN 2018
Un total de 400 cabezas de gando e cinco curros, 3.000 coches e máis de 6.000 visitantes foi o balance da IX edición da Feira do Poldro que se celebrou en Muras o 22 e 23 de setembro do ano pasado.
Segundo informou o alcalde, Manuel Requeijo, foi unha das máis concurridas dos últimos anos tanto en número de cabezas de gando como en visitantes, un fenómeno no que tivo moito que ver o bo tempo que fixo os dous días e un programa con varias novidades que causaron sensación entre o público.
Ademais, dúas actividades causaron sensación entre os asistentes, a poda en altura de Husqvarna así como as carreiras de cabalos que mantiveron á xente na feira ata as oito da tarde.
O éxito de visitantes tamén quedou reflectido nas 550 hamburguesas Gañidoira que repartiu o Concello na súa carpa e que se esgotaron aos poucos minutos. Este produto está elaborado ao 80% con carne de poldro e o resto de porco celta.