A Feira do Porco da Ceba de Cospeito arrancará un ano máis coa celebración da Ruta Gastronómica

O Concello de Cospeito vivirá o sábado 29 de novembro unha nova edición da Feira do Porco da Ceba, a XXXVI edición, que manterá a tradicional programación e que contará con diferentes actividades complementarias na Feira do Monte.
Esta tradicional celebración desenvolverase na praza da feira nunha carpa instalada para tal fin e na que haberá premios aos mellores exemplares e un agasallo para cada gandeiro participante.
Entre os asistentes sortearase unha cesta de Nadal e haberá tamén degustación de produtos típicos do porco a partir das 10.00 horas.
Xa desde o xoves 27 ao sábado 29 nos locais de Cospeito celebraranse as tradicionais degustacións gastronómicas de elaboracións con produtos porcinos coa VI Ruta Gastronómica do Porco da Ceba. O público participante entrará no sorteo de distintos premios aos que poderá optar percorrendo os distintos locais, Casa Paca, Café Bar Yáñez, Mesón O Xugo, Pizzería Rozas, Cervecería A Goleta e Café Bar Bautista. As tapas degustaranse de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas.
A feira abrirá as súas portas ás 8.00 horas e están invitados a participar no concurso todos os animais que entren antes das 10.30 horas. Unha vez feita a deliberación do xurado, farase entrega dos premios ás 14.00 horas, que consistirán en 150, 120 e 80 euros para os tres primeiros animais valorados. Tamén se repartirán outros catro de 50 euros cada un.
Paralelamente, haberá outro tipo de actividades. Así, abrirase ás 9.30 horas con actividades deportivas no pavillón municipal para continuar con outras, como a actuación musical de Asubíos da Chaira.
Haberá feira gastronómica e sesións de showcooking de produtos típicos e abrirase un mercado de produtos locais, ao que se sumará a primeira Master Class de vermú con degustación. Completa a oferta unha exposición gandeira de Porco Celta.
Como se fai todos os anos, pola noite haberá un Festival de Corais, ás 20.30 horas, na casa da cultura.