A Feira do Queixo de San Simón seguiu viva na rede

TerraChaXa
A pandemia deixou un ano máis sen a súa tradicional celebración na Praza da Constitución de Vilalba, pero atoparon outra vía de promoción.
feira do queixo san simon vilalba
11 Abr 2021

A pandemia deixou un ano máis sen a súa tradicional celebración na Praza da Constitución de Vilalba, pero a Asociación de Queixeiros e máis o Concello atoparon outra vía para promocionar o sector.

Por Claudia López

Dende hai 25 anos con abril chegaba a Vilalba a Feira do Queixo de San Simón da Costa. De novo, este 2021 quedou sen a súa tradicional celebración na praza da Constitución a causa da situación epidemiolóxica.  Javier Piñeiro, membro da Asociación e dono da queixería As Fontelas, explica que a decisión foi tomada entre a Asociación de Queixeiros e o Concello hai tres meses aproximadamente, “tal como estaba a situación sanitaria daquela e valorando como podería ser a evolución ata abril, estimamos que seria moi arriscado intentar levar adiante algo parecido ao que é unha Feira do Queixo tradicional. Hai que ter en conta que damos o queixo a probar e xuntase moita xente”.

Nos seus inicios, “a Feira era un complemento económico importante para as ventas dos queixeiros no mes de abril porque o volume das queixeiras era mais pequeno, hoxe en dia a Feira é bastante mais relevante pola promoción e a imaxe que lle da ao queixo”. Para non deixar de lado esa publicidade e difusión do sector, a Asociación de Queixeiros e o Concello buscaron unha alternativa, “decidimos trasladar a Feira á rede. As redes sociais hoxe en dia son unha maneira de dar a coñecer as cousas e fomos artellando os pequenos eventos en liña. Fixémolo sobre todo para que a xente se de conta de que seguimos aquí e que se vexa que a Feira segue viva”. Do 31 de marzo ao 4 de abril tivo lugar a celebración virtual da Feira.

A súa programación comezou coa presentación dun vídeo promocional da Asociación, os seguintes días varios restaurantes da capital chairega compartiron mediante vídeos diferentes elaboracións utilizando o queixo e, para finalizar, o domingo presentouse unha revista de receitas e déronse os gañadores do concurso de receitas que se propuxo tamén dende a organización. “Houbo moita participación, os restaurantes implicáronse facendo os vídeos para explicar as receitas e xente particular tamén participou de maneira bastante considerable no concurso de tapas. Na revista atópanse receitas de cociña que aplican o queixo á cociña normal e corrente, restaurantes coñecidos da vila explican perfectamente como facelo. Invítanos a manexar os fogos e hai un pouquiño de todo, receitas mais de deseño ou tradicionais, pero accesibles a todo o mundo. Quedou un libro bastante bonito, pensamos editar outro e poder melloralo se podemos”.

O sector do queixo viuse afectado en certa parte pola situación de pandemia, “nos atendemos a dous tipos de mercado, por unha parte a hostaleira e tendas orientadas ao turismo e, por outro lado, as tendas de comestibles e os supermercados. A este segundo sector non lle afectou nada, aguantase os números de hai dous anos pero si aos restaurantes, hoteis ou as tendas orientadas ao turismo coma hai moitas en Santiago, aí si que houbo un baixón importante. En certos meses á exportación tamén lle afectou. Máis ou menos podemos estar nun 30% de ventas menos que un ano normal, aproximadamente.

Afortunadamente son vendas que se están recuperando pouquiño a pouco”. Para seguir fomentando a recuperación do sector, a Asociación non descarta seguir activa na rede con máis eventos,  “é posible que se fagan mais cousas a través das redes sociais este ano, é unha canle boa para facer cousas deste tipo, receitas e outro contido que están no tinteiro para promocionarnos. Aproveitando que non se fixo a Feira, non se desbota facer novas cousas con este tipo de medios durante este ano”. Aínda así, nada substituirá a tradicional celebración da Feira, “para o ano, se se pode, volveremos a celebrar a Feira coma sempre, pero ata entón buscaremos que a xente siga participando con nos”. 

feira do queixo vilalba 3
feira do queixo vilalba 2
feira queixo vilalba 4
feria do queixo 1 vilalba
0.24507808685303