A feira do queixo de Vilalba celebra o seu 30 aniversario cun programa ampliado a dúas xornadas

A feira dedicada ao queixo San Simón da Costa de Vilalba celebrará este ano unha edición especial con motivo do seu 30 aniversario, unha conmemoración que chega acompañada de importantes novidades. A principal delas é a ampliación do programa a dous días de actividades, sábado e domingo, así como un incremento do orzamento que permitirá reforzar o evento e consolidalo entre as grandes feiras queixeiras de España.
A organización aposta así por dar un salto cualitativo nun certame que leva medio século promovendo un dos produtos gastronómicos máis emblemáticos da comarca. O obxectivo é seguir medrando e situar a cita dentro do “gran club” das feiras do queixo máis recoñecidas do país, atraendo máis visitantes e reforzando a proxección deste produto con denominación de orixe.
O Concello de Vilalba presentou hoxe no salón de plenos da Casa do Concello a programación da XXX Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará os días 4 e 5 de abril na capital chairega.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, o presidente da DOP San Simón da Costa, Daniel Pérez, o presidente da Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa, Javier Piñeiro, a xerente do Consello Regulador, Lucía Fraga, e o director da oficina de Caixa Rural en Vilalba, Martín Paz.
Durante a presentación, a alcaldesa, Marta Rouco, destacou o significado especial desta edición, que alcanza a súa trixésima convocatoria. “Chegar á trixésima edición desta festa é a mellor proba de que estamos diante dunha celebración que soubo medrar e consolidarse ata converterse nun dos grandes sinais de identidade de Vilalba”, sinalou.
A programación desenvolverase principalmente na Praza da Constitución, onde se instalará a feira e onde se celebrará a maior parte das actividades previstas ao longo da fin de semana. Os concertos da noite do sábado celebraranse na Praza de Santa María, ampliando así os espazos da festa no casco urbano.
Neste sentido, Rouco subliñou que a Festa do Queixo é tamén unha oportunidade para reivindicar o valor do produto local. “Esta festa nace arredor dun produto extraordinario como é o queixo San Simón da Costa, que representa perfectamente a calidade da nosa gastronomía e o traballo dos produtores e produtoras da comarca”, explicou.

O PROGRAMA
O programa desta edición especial arrincará o sábado 4 de abril ás 11.00 horas coa apertura da feira. Ao mediodía terá lugar un show cooking titulado A cociñar con Marcos Pereiro, seguido dunha sesión vermú amenizada pola Mekanika Rolling Band. Pola tarde haberá un taller de cociña infantil con queixo San Simón, unha cata de queixo e sake e, ás 19.00 horas, o pregón a cargo do propio Marcos Pereiro. A xornada pecharase cun concerto de 9Louro e Mondra na Praza de Santa María ás 22.30 horas.
A actividade continuará o domingo 5 de abril, cando a feira volverá abrir ás 10.00 horas. Entre as propostas da xornada destacan un show cooking do chef Miguel Mosteiro con Aceites Abril, unha sesión vermú amenizada por Festicultores e diversas catas gastronómicas, entre elas unha de queixo e cava e outra guiada de queixos DOP San Simón acompañados de viños do Ribeiro. Tamén haberá baile no Centro Cultural pola tarde antes da clausura da feira ás 19.00 horas.
Todas as actividades desenvolveranse na Praza da Constitución, nunha edición que promete sorpresas e que busca celebrar por todo o alto trinta anos de historia dunha das citas gastronómicas máis destacadas da zona.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou tamén o impacto que esta celebración ten para a vila. “A Festa do Queixo non só pon en valor o noso produto, senón que tamén contribúe a dinamizar Vilalba, atraendo cada ano a centos e mesmo milleiros de persoas que se achegan á nosa vila para gozar da gastronomía, da música e do ambiente que se vive durante esta fin de semana”.
Por iso, a alcaldesa convidou á veciñanza e a todas as persoas que visiten a comarca a participar nesta edición especial. “Agardamos que esta trixésima edición sexa unha gran celebración colectiva arredor do queixo San Simón da Costa e que Vilalba volva demostrar que sabe coidar e celebrar as súas tradicións”.