A Feria do Indiano conta este sábado cun adianto en forma de xornadas sobre migracións indianas

TerraChaXa
Celebrarase o I Encontro das Sociedades de Educación e Instrución Galego-Cubanas con actuación musical e a presenza da food truck Galicia Sabe Amar
xornadas-migracions-indianas-liga-santaballesa
1 Aug 2025

A Liga Santaballesa acollerá este sábado, 2 de agosto, as XV Xornadas sobre Migracións Indianas, un avance do programa da Feira do Indiano 2025 en Vilalba. Esta edición centrarase na memoria e na divulgación das conexións entre Galicia e Cuba a través da educación e a cultura.

A xornada comezará ás 12:00 horas cos xardíns da Liga como escenario do I Encontro das Sociedades de Educación e Instrución Galego-Cubanas. O acto incluirá unha charla impartida por Arantxa Fernández Crespo, directora da cátedra de Galego na Universidade da Habana, e María Xosé Porteiro, xornalista e escritora. Trala intervención das relatoras, abrirase un coloquio aberto ao público asistente.

A partir das 13:30 horas celebrarase unha matiné con vermú, amenizada pola actuación musical da Minibanda de Vilalba, que porá ritmo a unha xornada festiva e reflexiva.

A cita contará tamén coa presenza do food truck Galicia Sabe Amar, unha iniciativa da Xunta de Galicia que promove os produtos do mar e o labor dos profesionais da pesca e o marisqueo, a través da degustación gratuíta de petiscos elaborados con produtos galegos de alta calidade.

Este evento, organizado pola Liga Santaballesa coa colaboración do Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo e o Consello da Cultura Galega, reforza o compromiso coa recuperación da memoria histórica e o valor das migracións na identidade galega.

⚙ Configurar cookies
0.18125081062317