A Festa da Bola de Liscos e as Freces de Bretoña celebrase este domingo cunha ampla programación

A Asociación de Amigos da Feira de Bretoña celebrará este domingo a XV edición da Festa da Bola de Liscos e das Freces de Bretoña, no concello de Pastoriza. Como novidade, este ano a asociación decidiu adiantar a celebración, que normalmente tiña lugar na segunda quincena de maio.
Trátase dunha celebración que busca ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que organiza a Asociación de Amigos da Feira de Bretoña. A comisión adiantou que o sábado haberá polbo e festa verbena co trío Manhattan.
As actividades comezarán hoxe cun servizo de cea na Pulpería Suso, que requirirá reserva previa, seguido dunha verbena que estará amenizada polo Trío Manhattan, encargado de poñer a música a unha noite festiva.
Xa o domingo concentrarase a maior parte da programación. A xornada arrancará ás 11:00 horas coa apertura oficial da feira, na que haberá postos de artesanía e feirantes, así como pasarrúas a cargo da Escola de Música de Pastoriza. Ao mediodía, ás 12:30 horas, terá lugar a actuación da propia Escola de Música e Baile de Pastoriza, ofrecendo unha mostra do seu traballo artístico.
A inauguración oficial e o pregón celebraranse ás 13:00 horas, acto que correrá a cargo dos fundadores da Asociación Amigos da Feira de Bretoña, entidade clave na posta en valor deste evento.
A continuación, ás 13:30 horas, os asistentes poderán gozar dun vermú e comida amenizados polo Trío Manhattan, ademais do servizo de pulpería. Durante este tempo tamén haberá espazo para a degustación de produtos tradicionais como a bola e as freces.
Pola tarde, a programación continuará ás 16:30 horas cun aberto torneo de billarda no campo da festa, no que poderá participar o público asistente. Máis tarde, ás 17:15 horas, a carpa da feira acollerá a actuación dun gran mago, pensada especialmente para o entretemento de toda a familia.
Nas edicións anteriores repartíronse unhas 200 bolas de liscos e de 800 racións de freces entre os asistentes a este evento.
A bola de liscos é un prato da zona elaborado con masa de pan, panceta afumada, chourizo e berzas, o que se coñece como cociña con produtos de subsistencia pero cun resultado espectacular. Para os que non coñezan este produto, ten moito parecido cunha empanada gorda pero moi xugosa e saborosa. Esto é debido aos liscos do seu interior e o sabor é pola cobertura de berza coa que se mete ao forno.