A Festa da Bola de Liscos e as Freces de Bretoña será este domingo
A Asociación de Amigos da Feira de Bretoña celebra este domingo a XIII edición da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña, no concello da Pastoriza, continuando coa recuperación da mesma.
Trátase dunha celebración que busca ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que se iniciará a noite do sábado, como novidade, cunha verbena a cargo do grupo Dúo Tropical e servizo de polbo.
A feira abrirase o domingo ás 11.00 horas con postos de artesanía e feirantes, aínda que a inauguración oficial será ás 12.15 horas. O pregón estará a cargo de Sandra Legaspi, unha pastoricense afincada en Meira e nai de Adriana, unha nena que ten unha enfermidade rara, o síndrome CTNNNB1, do que case non hai casos en España. É recoñecido o seu labor por visibilizar a enfermidade e recabar fondos para a investigación.
Xa pola mañá están previstas as actuacións da Escola de Música da Pastoriza, ás 12.00 horas e o baile dos nenos esa mesma escola, ás 12.45.
O dúo Belinda será o encargado da sesión vermú e do servizo de polbo mentres que a degustación da bola de liscos e das freces realizarase baixo carpa.
As persoas interesadas en reservar o polbo poden facelo a través do teléfono 650 277 153.
Rematarán os actos ás 15.00 horas con sorteo de obsequios doados polos establecementos comerciais de Bretoña.
Na edición do ano pasado repartíronse unhas 200 bolas de liscos e de 800 racións de freces entre os asistentes a este evento que desbordaron as previsións.
A bola de liscos é un prato da zona elaborado con masa de pan, panceta afumada, chourizo e verzas, o que se coñece como cociña con produtos de subsistencia pero cun resultado espectacular. Este ano, para darlle aínda máis relevancia, as bolas estarán elaboradas con produtos do porco celta. Ten moito parecido cunha empanada gorda pero moi xugosa e sabrosa. Isto é debido aos liscos do seu interior e o sabor é pola cobertura de verza coa que se mete ao forno.
As freces son coma unhas migas, feitas de manteiga, ovo, fariña, pan e leite, aderezado con azucre ou mel, o gusto do comensal.