A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo homenaxeou este domingo ás tres festas da filloa máis antigas de Galicia: a Festa da Filloa de Valongo (no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade), a Festa da Filloa de Muimenta (no de Cospeito) e a Festa da Filloa da Pedra (no coruñés da Baña). Por iso, as entidades promotoras destas festas gastronómicas recibiriron os Mandís de Honra da Festa da Filloa 2023 durante o pregón das festas, que foi ofrecido este ano por Manuel Costiña, prestixioso chef cunha Estrela Michelín.
No nome da Festa da Filloa de Muimenta recolleu o galardón, o coordinador da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez.
Rus afirmou que recollía o premio “no nome das filloeiras e filloeiros, que tamén temos filloeiros, e de toda a xente que fai posible a Festa da Filloa de Muimenta, que agradecemos esta honra e convidámosvos o primeiro de maio á Festa da Filloa de Muimenta. Que nunca falte a filloa nos nosos pratos”.
O presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Xosé Manuel Canabal, explica que “neste corenta aniversario da Festa da Filloa de Lestedo quixemos facer unha posta en valor deste produto tradicional do Entroido pero que se pode degustar calquera día do ano e por iso decidimos entregar os Mandís de Honra 2023 ás tres festas da filloa máis senlleiras en Galicia canda a nosa, que son a de Valongo, a de Muimenta e a da Filloa da Pedra da Baña”.
A Festa da Filloa de Valongo é a máis antiga, pois celebrará o vindeiro mes de setembro a súa edición número corenta e cinco no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Pola súa banda, a Festa da Filloa de Muimenta celebrará en maio a súa edición número 32 no recinto feiral Manuel Vila López de Cospeito. Finalmente, a Festa da Filloa da Pedra da Baña vén de celebrar esta fin de semana con gran éxito a súa edición número dezanove.
Durante toda a xornada, dúas máquinas filloeiras estiveron producindo preto de 2.000 filloas cada hora, ás que este ano houbo que sumar tamén as elaboracións especiais: recheas, salgadas, doces, á pedra... Ademais, a Asociación Cultural da Filloa estreou unhas caixiñas rectangulares para facilitar o consumo das filloas recheas.