A Festa da Filloa invita a dous eventos gastronómicos da Mariña á celebracion de maio

A Festa da Filloa de Muimenta segue ultimando detalles para a súa celebración, o próximo 1 de maio.
Este ano, comeza unha nova actividade dentro do programa, coa idea de que esta perdure no tempo, convidar a outras festas gastronómicas da provincia a que participen nesta edición. O obxectivo é "unir esforzos, compartir sinerxias e axudar a promoción das mesmas na comarca da Terra Chá".
A Festa da Filloa ten a consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta de Galicia dende o 20 de febreiro do 2008. No 2023 foi recoñecida co Premio á Excelencia Turística da provincia de Lugo, e as súas filloeiras e filloeiros coa V ao Veciño Exemplar.
Neste primeiro ano, convidouse a dous eventos que se celebran na zoa da Mariña Lucense, por unha banda a Festa da Enfariñada de Trabada, que se celebrará ao domingo da Festa da Filloa de Muimenta: o catro de maio.
Con esta Festa, que comezou o seu camiño no ano 2018, o Concello de Trabada pretende recuperar unha tradición con moita historia na súa terra e que se elabora con ovos, leite, auga, fariña e sal. Este prato, transmitido de xeración en xeración (como a Filloa de Muimenta), mantivo viva esta tradición culinaria, que durante moitos anos, serviu de recurso esencial para alimentar ás familias da zoa. Medio centenar de veciños e veciñas do Concello participarán o vindeiro primeiro domingo de maio (Día da Nai), dende primeira hora da maña, na preparación da Enfariñada (pola zoa, tamén se pode denominar “faragullos”).
Por outra banda, as cuncas coas que se van repartir a racións, están fabricadas polos rapaces e rapazas da Asociación de Saúde Mental da Mariña, as cales son mercadas polo Concello de Trabada.
As similitudes co Festa da Filloa están en que se usan case os mesmos ingredientes e a mesma colaboración da veciñanza.
A outra festa que se promocionará será a IV Festa Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno (Barreiros). Dende a Asociación Cultural e de Festexos Terras de Vilamartín no ano 2022 decidiron activar dito proxecto coa finalidade de por en valor un produto moi presente na idiosincrasia culinaria de Galicia e que toma como base a materia prima que sustenta gran parte das economías doméstica de dita aldea: o leite. Dita celebración, que terá lugar o sábado 14 de xuño e faise coincidir coas Festas Patronais da parroquia, comeza cara a media maña, expoñendo o produto en diferentes formatos e envases, coa posibilidade de ser adquirido polos asistentes e convidados. A vintena de casas da parroquia participan na súa celebración, elaborando o requeixón, baseado na experiencia das súas veciñas. Remátase cun xantar popular a base de empanada, xamón cocido, polbo e como non, requeixón. Ao igual que Muimenta, traballan polo seu apego e amor polo rural e polo pobo que nos viu medrar.
A organización da Festa da Filloa recae nas comisións da Moexmu, e colaboran tanto o Concello de Cospeito, a Deputación Provincial de Lugo (áreas de Turismo e Cultura), a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e numerosas empresas e particulares.