A Festa da Filloa presenta o seu programa para o día 1 de maio


A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse o vindeiro xoves, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila da localidade na que é a 34 edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008.
O acto de presentación do evento tivo lugar este xoves no propio recinto feiral Manuel Vila, onde as filloeiras prepararon xa algunhas delas. Estiveron presentes entre outros o deputado de Rural Daniel García, que destacou que "a conservación e transmisión de receitas tradicionais como a filloa contribúe a preservar sabores, pero tamén a ter presentes os nosos produtos e coñecer a vida cotiá de xeracións anteriores". No acto tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; así como o alcalde, Armando Castosa e o coordinador do evento, José Manuel Rus.
Outro dos asistentes foi o deputado de Medio Ambiente Carlos López, que puxo en valor esta celebración: “Falamos dunha cita que vai moito máis alá do gastronómico. Aquí celébrase a nosa identidade, a nosa cultura e tamén a nosa capacidade de manter vivas as tradicións a través do tempo”.
O PROGRAMA
A partir das 7.30 horas entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. Este ano, desde as 8.00 horas estará comezando a facer filloas a máquina de Lestedo e as filloeiras e filloeiros comezarán o seu traballo a partir das 9.00.
A Festa da Filloa de Muimenta contará este ano cun gran número de actividades que se desenvolverán a partir das 10.00 horas, cando se abrirá a exposición de traxe tradicional e cantería do Centrad nas oficinas do Recinto feiral.
Os actos oficiais serán a partir das 13.30 coa inauguración oficial seguida da lectura do pregón que estará a cargo do actor Denís Gómez. Seguidamente entregaranse os premios do concurso de relato e debuxo e farase unha visita polas instalacións, para rematar co xantar no pavillón.
Haberá un taller de Olaría a cargo Inmaculada Díaz Cabado, en colaboración coa Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, tanto en horario de maña como de tarde.
MÚSICA
Non faltará un completo abano musical para animar a xornada. Está prevista a actuación do Grupo de Música e Baile da Asociación Cultural Arume de Caión (diante dos stand das filloeiras e filloeiros) e a partir das 13:15 horas, haberá unha pequena sesión de música a cargo de Cosmedeejay (Eventec Discomóvil), que se retomará a partir das 14:00 horas.
Tamén contarán con música tradicional, dentro do programa Tradigalu da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, a cargo do grupo Asubíos da Chaira de Cospeito, aproximadamente ás 16:00 horas, a primeira parte no pavillón do Recinto Feiral Manuel Vila e a segunda, diante dos stands das filloeiras e filloeiros.
A directiva de Xotramu abrirá o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos, así como a mostra E ti de onde vés sendo?.
Este ano, comeza unha nova actividade dentro do programa de actos da Festa da Filloa, coa idea de que esta perdure no tempo: convidar a outras Festas Gastronómicas da Provincia a que participen o vindeiro primeiro de maio. Unir esforzos, compartir sinerxias e axudar a promoción das mesmas na comarca da Terra Cha son os principais motivos para poñer en marcha este novo proxecto. Neste primeiro ano, convidouse a dous eventos que se celebran na zoa da Mariña Lucense a Festa da Enfariñada de Trabada e a Festa Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, en Barreiros.
OS DETALLES
- Conta cun orzamento de 30.000 euros.
- Estímanse que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo de toda a xornada.
- Este ano volverá haber filloas sen gluten.
- Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
- En total haberá 145 colaboradores, dos que 66 son filloeiros.
- Haberá unha máquina de facer filloas de Lestedo.
- Repartiranse os premios do concurso de debuxo no que participaron máis dun cento de traballos dos colexios de Vilalba, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Cospeito, Meira, Abadín e Muimenta.
- A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 4 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 12 euros.
- O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
- Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.
- O programa Un Gusto de Rural, un Rural Degusto, que ofrecerá ás persoas asistentes unha degustación de xamón curado de porco celta da gandería Porco Celta de Outeiro.
