A Festa da Filloa presenta un programa moi completo para o día 1 de maio
Poranse á venda durante todo o día unhas 18.000 e este ano, por primeira vez, haberá filloas sen gluten.
A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse o vindeiro luns, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila da localidade na que é a 33 edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008.
A partir das 7.30 horas entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. Este ano, desde as 8.00 horas estará comezando a facer filloas a máquina de Lestedo e as filloeiras e filloeiros comezarán o seu traballo a partir das 9.00.
A Festa da Filloa de Muimenta contará este ano cun gran número de actividades que se desenvolverán a partir das 10.00 horas, cando se abrirá a exposición de traxe tradicional e cantería do Centrad nas oficinas do Recinto feiral.
Están previstas actividades vinculadas á caza organizadas polo Tecor Terra Chá como un simulador de tiro, exhibición de agility, de cetrería e tiro con arco en sesión de mañá e tarde. Tamén haberá un taller de Xoán Manuel Tubío, Xaneco, con dobre sesión, ás 12.00 e ás 16.00 horas.
Os actos oficiais serán a partir das 13.30 coa inauguración oficial seguida da lectura do pregón que estará a cargo da periodista de Castro Ribeiras de Lea Tania Fernández Lombao. Seguidamente entregaranse os premios do concurso de relato e debuxo e farase unha visita polas instalacións.
MÚSICA
Non faltará un completo abano musical para animar a xornada. Está prevista a actuación de A Volta do Agro durante a mañá, así como do grupo de música e baile da asociación cultural Arume de Caión. Pola tarde estarán Leña Verde, as Pandereteiras de Muimenta e a Escola de música e baile tradicional da Pastoriza. Completarase o apartado musical coa sesión vermú, que estará a cargo de Cosmedeejay, de Eventec.
A directiva de Xotramu abrirá pola tarde o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos, así como a mostra Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia, de Asorporcel.
Durante todo o día haberá un sorteo de catro garrafas, valoradas en 60,00 euros, cada unha delas, doadas por Aceites Abril. O sorteo terá lugar, en principio, durante a inauguración. Repartirase un par de rifas entre cada colaborador da Festa da Filloa, e unha rifa por cada ticket de filloas e churrasco que se merque ao longo da xornada; e en cada sorteo se irán acumulando as rifas entregadas ata ese momento. Límite máximo serán catro mil rifas.
PRESENTACIÓN EN MADRID
Este venres 26 de abril, unha representación da comisión organizadora da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta do 2024 acudirán en directo ao programa Luar, da Televisión de Galicia, onde se fará unha degustación pública das filloas.
OS DETALLES
- Conta cun orzamento de 36.000 euros.
- Estímanse que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo de toda a xornada.
- Este ano, por primeira vez, haberá filloas sen gluten.
- Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
- En total haberá 145 colaboradores, dos que 66 son filloeiros.
- Un total de seis pedras da Baña estarán coas filloeiras e filloeiros de Muimenta.
- Tamén haberá unha máquina de facer filloas de Lestedo.
- No concurso de debuxo participaron un cento de traballos dos colexios de Vilalba, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Meira, Abadín e Muimenta.
- A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 4 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 12 euros.
- O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
- Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.