A Festa da Malla servirá de colofón ás patronais de Meira
Un ano máis, a localidade de Meira, volverá ser un exemplo de cultura e tradición coa celebración da Festa da Malla, que chega á súa XXVII edición.
Esta celebración, que ten a consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o domingo 19 de agosto con demostracións en vivo durante na mañá no centro da localidade.
A xornada comezará de mañá cedo coa chegada do trigo á praza sobre un vello tractor. Posteriormente, os preto de 80 colaboradores realizarán a malla, tanto a man como a máquina, tal e como se facía dende as súas orixes. A importancia desta feira, que organiza a Asociación de Amigos da Malla, quedou patente desde os seus orixes, cando se convertiu nun referente en Galicia para outras similares.
O acto central será o xantar, no que se espera congregar a centos de persoas, tal e como se fixo o ano pasado. A organización servirá un menú de 12 euros que constará de empanada e cocido (lacón, morro, orella, chourizo, patacas, garbanzos e repolo), requeixo con mel, viño ou auga, pan e café. O ano pasado servíronse 800 racións, que esperan superar nesta edición.
Un ano máis, incluiranse no menú o prazo de barro no que se serve o xantar e unha degustación de buñuelos e viño sobre as 12.00 horas.
A festa da Malla levará aparellado un Festival de Bandas de Música a cargo de Charamela de Pontedume e a Banda Municipal de Meira e contará tamén coa actuación do Grupo 9 Ferreñas, Trío Muralla, a Banda de Gaitas e Acordeón da Escola Municipal Caivanca de Lugo, Murga Cántigas e Flores e Antaruxos e Sorteiros da Fonsagrada.
No programa figura tamén un concurso de fotografía, que se fará por primeira vez, ademais de xogos para nenos, sen esquecer a tradición exposición de artesanía e maquinaria.