A Festa da Torta de Millo de Guitiriz presenta o cartel deste ano

O Concello de Guitiriz presentou o cartel da VIII Festa da Torta de Millo de Guitiriz, que se celebrará o domingo 1 de xuño cunha ampla representación de artesáns, música, xogos, exposicións e obradoiros.
O pasado mes, a organización avanzou que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e A Banda da Loba poñerán a nota musical ao evento.
Xabier Díaz interpretará moitas das cancións do seu sétimo disco, Axúdame a Sentir, acompañado das sobresaíntes Adufeiras de Salitre. Un álbum que reafirma a súa condición como un dos principais expoñentes do folclore galego contemporáneo.
A Banda da Loba, formada por Andrea, Estela, Iria, Marcela e Xiana, inclúe Guitiriz dentro da súa nova xira Lovismo, o seu último traballo no que exploran e falan sobre o amor e as súas múltiples formas e expresións.