A Festa da Xuventude de Lanzós terá lugar o próximo sábado na súa IX edición
A comisión da Festa da Xuventude de Lanzós, no Concello de Vilalba, organiza para o 19 de outubro a novena edición da súa festa. Esta será no campo da festa do Adro, que estará cuberto con carpa.
A xornada, dará comezo ás 13.00 horas, cunha misa solemne seguida da sesión vermú que estará a cargo do dúo Pedriñas.
Despois haberá un xantar popular con empanada, polbo, xarrete con guarnición, bebidas, sobremesa e café, por un prezo de 35 euros, mentres que o menú infantil (pizza e milanesa de polo) será de 15 euros e os menores de 3 irán de balde. Para poder participar haberá que apuntarse antes do 16 de outubro no bar A Pereira.
Xa pola tarde haberá inchables, xogos e agasallos para os máis cativos amenizado pola música de Nueva Onda.
Para pechar a sesión, a partir das 19.00 horas, a verbena estará ao cargo das orquestras Marbella, Olympus e Origen.