A Festa da Xuventude de Meira contará co concerto do Grupo Beatriz este sábado

Meira prepárase para celebrar este sábado a súa Festa da Xuventude cunha proposta musical que reunirá á veciñanza e visitantes nunha noite pensada para gozar e bailar. O Grupo Beatriz, coñecido polo seu espectáculo colorista e enerxético, será o protagonista da xornada cun concerto previsto para as 23.00 horas.
A festa comezará coa sesión do DJ Casanova ás 21.30 horas, que será a encargada de quentar o ambiente antes da chegada da popular formación, coñecida polos seus directos cheos de ritmo e espectáculo visual. ‘A bala rosa’, como se autodenominan, aterrará en Meira despois do seu parón de vacacións, regresando aos escenarios con ganas de reencontrarse co seu público.
A organización anima á mocidade e ao público en xeral a participar nesta noite de festa e música, que promete encher Meira de cor, baile e diversión.