A Festa das Cruces será esta fin de semana na Feira do Monte

O concello de Cospeito vivirá do 2 ao 4 de maio unha fin de semana chea de música, tradición e festa coa celebración da popular Festa das Cruces na Feira do Monte, dedicada á Virxe do Monte.
A programación arrinca o venres 2 de maio cunha gran verbena nocturna a cargo do Grupo Beatriz e a Disco Móbil Dermo, que animarán a noite con música para todos os públicos.
O sábado 3 será unha xornada cargada de actividade desde primeira hora. O grupo Asubíos da Chaira será o encargado de poñer música polas rúas durante a mañá cun pasarrúas, mentres que ás 13:30 horas celebrarase a misa solemne, procesión e sesión vermú, amenizada pola orquestra Stereo. Pola noite, a verbena continuará co espectáculo musical da orquestra Cinema.
O broche final chegará o domingo 4 de maio cunha nova misa solemne ás 13:30 horas, cantada pola Coral Polifónica Virxe do Monte, seguida de procesión e sesión vermú a cargo do dúo Eclipse.
Todos os eventos terán lugar nun campo cuberto con carpa, garantindo o desenvolvemento das actividades mesmo en caso de choiva. A organización corre a cargo do Concello de Cospeito, contando coa colaboración de numerosas empresas e entidades locais.