A Festa do Emigrante en Mosteiro celebra 40 anos cun emotivo tributo a Alejo Expósito


A carballeira de Mosteiro, en Pol, volveu encherse este domingo con máis de 2.000 persoas que participaron na 40ª edición da Festa do Emigrante, unha cita xa consolidada como referente de encontro e lembranza para a veciñanza e a diáspora.
Este aniversario estivo marcado pola homenaxe a Alejo Expósito, veciño que durante décadas deseñou e colocou as placas conmemorativas da festa e que faleceu recentemente. En recoñecemento á súa contribución, inaugurouse unha nova placa en pedra, inaugurada en presenza da súa familia e cunha gran carga emotiva.
O pregón correu a cargo de Manuel Ángel Jove Losada, quen definiu a festa como "un espazo de encontro, identidade e afecto", destacando o seu papel á hora de reforzar os vínculos entre residentes e emigrantes.
A xornada estivo acompañada de música, emocións compartidas e unha ampla participación popular que desbordou tanto a carballeira como bares e restaurantes da zona.
Dentro da programación, a UD Somozas proclamouse campioa do Trofeo Emigrante de fútbol nunha tarde cun ambiente espectacular, con moita xente nas bancadas e un apoio de total. Participaron ademais do gañador, o equipo local, a SD Pol e a Sarriana.
Para moitos asistentes, volver a Pol nesta celebración supón revivir recordos familiares e manter viva unha tradición que simboliza a unión entre xeracións e a pegada da emigración na historia local.

