A Festa ó Emigrante de Pol chega á LX edición con París de Noia e Satélites

O Concello de Pol celebrará o vindeiro domingo 24 de agosto unha nova edición da tradicional Festa ó Emigrante, unha cita xa consolidada no calendario estival da comarca que rende homenaxe ás persoas que un día tiveron que marchar fóra e que, en moitos casos, aproveitan estas datas para volver á súa terra.
Este ano a festa coincide cunha xornada festiva dominical, o que permitirá unha maior participación tanto da veciñanza como de visitantes que se acheguen a compartir un día de celebración e reencontros na carballeira de Mosteiro, un espazo natural que cada verán se enche de vida con motivo deste evento.
Como vén sendo habitual, o Concello instalará unha carpa con capacidade para 1.800 persoas, onde se servirá o tradicional xantar popular. Ademais, moitos dos grupos que se achegan á festa aproveitarán tamén para organizar as súas propias merendas no exterior, nun ambiente de convivencia que se complementará coa presenza de postos de comida e produtos típicos, dispoñibles ao longo da xornada.
O programa dará comezo pasado o mediodía pero este aínda está en proceso de creación. De feito, aínda non se desvelou quen será o pregoeiro este ano, que tamén será o encargado de descubrir a placa conmemorativa do LX Aniversario da Festa ó Emigrante, unha lembranza simbólica que pon en valor a continuidade e o sentimento que envolve esta celebración.
No apartado musical, si contará a Festa con dous grupos de relevo, como son París de Noia e Satélites, que se ocuparán da verbena, mentres pola tarde será un DJ o que se ocupe de animar a festa. Son de Festa, pola contra, será o primeiro en actuar, na sesión vermú.
A Festa ó Emigrante de Pol, que este ano acada a súa corenta edición, é un exemplo de como a tradición e o sentimento de pertenza seguen vivos no corazón das pequenas comunidades, que atopan nestes encontros unha forma de manter o vínculo cos seus e de celebrar o orgullo de ser e estar en Galicia.