A Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario homenaxeará as Cantareiras no Día das Letras Galegas

O vindeiro 15 de marzo, o colectivo Castiñeiro Milenario organiza unha nova edición da Foliada de Inverno, que este ano estará dedicada ás Cantareiras, en honra ás mulleres que transmitiron e conservaron o valioso cancioneiro popular galego.
A celebración comezará ás 18:00 horas cun obradoiro sobre o xeito de tocar e cantar nas tres localidades das cantareiras homenaxeadas neste Día das Letras Galegas 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O mestre de pandeireta Roberto Rodríguez será o encargado de impartir a sesión, que terá unha duración aproximada de dúas horas. O custo será de 10 euros para non asociadas e gratuíto para socias. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com.
Tras o obradoiro, haberá uns petiscos para repoñer forzas antes de dar comezo á gran Foliada de Inverno ás 21:00 horas. Os grupos locais Foliadeir@s do Castro e Treitoira serán os encargados de abrir a festa, seguidos das pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira.
Desde Castiñeiro Milenario agradecen a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte, así como a participación dos grupos convidados, que contribuirán a facer desta unha gran celebración da nosa cultura.
Esta foliada será unha sentida homenaxe a Adolfina e Rosa Casás (Vila da Igrexa), Eva Castiñeira (Agranzón), Manuela Lema, Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido (Mens), e a todas as mulleres que, a través da tradición oral, mantiveron viva a nosa música popular. Sen elas, o idioma, a música e o noso país non serían os mesmos.