A Foliada do 30 demostrará a “boa saúde” da música tradicional en Vilalba
O 30 de agosto é día de foliada en Vilalba. Así se establecía oficialmente o ano pasado en colaboración co Concello, despois dunha primeira iniciativa dos grupos vilalbeses de música tradicional o ano anterior, sentando as bases para a súa continuidade nesa data que coincide co pregón e entrega do premio ao gañador do Certame Literario do Excelentísimo Concello de Vilalba.
Así, despois da cita oficial no auditorio municipal, arredor das nove e media do serán, AC de Andrade, Buxos Verdes, Entre lusco e fusco e a Banda de Gaitas Mato Vizoso ofrecerán as mellores pezas do seu repertorio nunha xornada de festa que continuará aberta á participación do público e que servirá para escoitar algunha peza en conxunto.
Será na praza de Santa María, “para darlle vida á zona vella da vila”. Ademais “non é un espazo excesivamente grande polo que permite unha conexión co público tanto no baile coma para as actuacións de grupos de pandereteiras”, como indica Ana Carballido, tesoureira da asociación xuvenil Entre lusco e fusco.
Na mesma liña, Noelia Blanco, mestra de baile tradicional da AC de Andrade tamén agarda conectar co público e converter a cita nunha auténtica foliada na que o público tamén se involucre.
Nese sentido, tamén dende Buxos Verdes, María Xosé Fernández Pardo, defende que “ao público acostuman a gustarlle as actuacións de música tradicional” e anima á participación da xente; xa que ao ser foliada, “os grupos seguirán tocando e facendo festa tralo remate das actuacións previstas”. Con todo, cre que “se debería dedicar parte do orzamento das festas á música tradicional” lamentando que “ás veces valórasenos moi pouco” cando “algún grupo folk con tirón completaría un bo cartel da Foliada do 30”. Nese senso, recorda o concerto de Treixadura en Vilalba coincidindo coa Feira do Queixo San Simón da Costa con gran éxito de público.
Pola súa banda, José Manuel López Díaz, da Banda de Gaitas Mato Vizoso, cre que “habendo catro grupos tradicionais en Vilalba non creo necesario contratar outro recoñecido”. É máis, considera que é “unha oportunidade para que amosemos o noso traballo na nosa vila”. Iso mesmo foi posible no Festival Internacional de Folclore que se celebraba o pasado mes de xullo e onde participaban os conxuntos vilalbeses xunto a outros de Tenerife, Portugal, Cuba e Chipre.
Colaboración coas festas patronais vilalbesas
As catro asociacións de música e baile tradicional de Vilalba participan de xeito habitual nos festexos de San Ramón e Santa María. Con todo, destacan nos últimos dous anos a gran vontade de organización por parte do concelleiro de cultura, José Antonio Pita, que lles permite participar a todos no mesmo número de actuacións tanto nas patronais coma no resto de celebracións ao longo do ano.
A Banda de Gaitas Mato Vizoso e Entre lusco e fusco ofrecerán un pasarrúas e participarán na procesión do día do patrón, o 31 de agosto. Esta última mostrará tamén os bailes dos nenos pequenos e medianos da asociación antes da sesión vermú. “Este é un día importante para nós porque podemos mostrar os traxes de garda e de cotío, xa que é o día que se lle dedica ao traxe tradicional”, segundo explica Ana Carballido.
Buxos Verdes participará no pasarrúas e a procesión do día de Santa María, o 1 de setembro, xunto a AC de Andrade –que xa terá animado o acto de clausura do Certame Literario o 30 de agosto- e tamén o domingo 3 coincidindo co Día das Parroquias acompañados, nesta ocasión, por Entre lusco e fusco.
O sábado 2 de setembro pola tardiña a música na rúa correrá a cargo da Banda de Gaitas Mato Vizoso.
“Repunte” da música tradicional galega
Arredor de 300 vilalbeses e vilalbesas de catro agrupacións manteñen viva a música tradicional galega no municipio. De feito, dende a AC de Andrade cren que “hai un rexurdimento da música tradicional que pasa evolución sen esquecer a cultura tradicional galega que algúns galegos e galegas investigan”. Con todo, “creo que hai que adaptarse aos tempos”. É o caso dos cantos de taberna que tanto éxito están a ter. Se ben é certo que “moitas das pezas que se interpretan nestas citas non son tradicionais, a incorporación de temas populares e outros instrumentos enriquece a cultura musical”. É o caso de grupos coma Treixadura que actuaba con gran éxito de público en Vilalba. Isto é para Blanco unha mostra de que “este tipo de actuacións que animan ao público a cantar pezas coñecidas, tamén mobiliza a economía local”.
Dende Buxos Verdes tamén destacan o “bo momento da música tradicional galega” en xeral que en Vilalba se aprecia co gran número de persoas involucradas e o incremento do interese por parte dos nenos e nenas “que son o noso futuro”.
De igual xeito, dende a asociación xuvenil Entre lusco e fusco defenden que “nos últimos anos se está dando un repunte na repercusión da nosa música tradicional cara ao gran público. Hai interese por aprender e hai moitos músicos que están saíndo na actualidade con recoñecemento internacional. E ese repunte nótase tamén no interese por parte dos máis pequenos e pequenas”. De feito, “este ano non soamente tivemos nenos de todo o concello nas nosas clases, senón tamén de concellos limítrofes.
É que todos e cada un dos grupos imparten clases tanto a rapaces e rapazas coma a adultos principalmente de gaita, pandeireta e baile tradicional. A ese respecto, o profesor da Banda de Gaitas Mato Vizoso, José Manuel López Díaz, defende a creación dunha Escola de Música Tradicional no municipio co impulso das catro agrupacións seguindo o modelo do Conservatorio Municipal e outras escolas coma as de Xinzo e Lalín con clases especializadas de pandeireta, gaita, percusión, banda , cuartetos, etc.