“A fortaleza do fútbol sala na zona é indiscutible, cun potencial enorme”

Cantos equipos masculinos ten o Castro FS actualmente?
Agora mesmo Castro ten o equipo sénior masculino, o xuvenil, o cadete e o alevín. Estamos en proxecto de intentar facer un filial para aqueles xuvenís que pasan ou algúns dos que quedaron este ano fóra do cadro de xogadores para que poidan seguir xogando con nos.
Fáganos un balance da tempada, porque foi moi boa.
O balance non se pode catalogar nada máis que como positivo. Evidentemente, cando consegues un ascenso un mes antes de que termine a Liga e a Copa Deputación, que eran os dous premios aos que podíamos optar, nada que dicir. A verdade é que o equipo estaba para ascender directo, sen play off nin nada, ademais de para ganar a Copa Deputación. Así é certo que, en todos os campos aos que íamos, eramos o rival a bater, fomos moi superiores ao resto na categoría e así se demostrou. Entón, nós o que intentamos é que veñan promocionar para que poidan seguir saíndo rapaces de abaixo e que non sexa inaccesible poder chegar algún día a primeira estes equipos, como estaba sendo ata agora.
Cóntemos tamén cando xurde o apartado masculino e como foi a progresión.
O masculino é de vida curta, dos dez anos que leva o club, masculino só houbo tres na categoría sénior. Era un equipo daquela maneira, con pouco rigor e seriedade, fíxose máis que nada por darlle oportunidades á xente do pobo. Logo, o seguinte ano apareceu un equipo xuvenil e un cadete, pero, cando me enterei de como era aquelo a verdade e que me asustei. O que fixo a directiva foi abrir os brazos para que non quedaran os rapaces que querían xogar ao fútbol sala, malia que non había ninguén que dirixira iso porque, a parte do feminino que tiña os seus adestradores e a súa dirección, o masculino estaba un pouco nas mans de Dios, ata que cheguei eu o ano pasado para poñer un pouco de orde e, pouco a pouco a cousa xa vai collendo outro cariz.
Cando chega Manuel Martínez ao equipo e con obxectivos?
Eu cheguei un pouco sen búscalo, estiven en Lugo Sala as últimas dúas tempadas e a raíz dunha conversa con Marcos, que é o de Deportes Achega, díxome que o Castro andaba a buscar un adestrador ou finiquitar co equipo, entón fun falar coa directiva, que eu xa a coñecía e en cinco minutos chegamos a un acordo. Déronme total liberdade para facer o equipo, de feito, viñeron nove xogadores de fóra de Castro e unicamente mantivéronse catro. A estrutura que se fixo é de xente da miña confianza, tanto de Guitiriz como de Lugo, Rábade e Baamonde, é dicir, xente que estivo comigo noutros sitios ou outra que, aínda que non estivo comigo, cría no proxecto. A partir de aí xa me deron un pouco máis de responsabilidade para que coordinase toda a parte masculina, levando tamén o xuvenil, o cal custou arrincalo porque tiña bastantes problemas internos, entón houbo que facer limpeza.
Cal e o obxectivo para o ano que vén? Van seguir crecendo no apartado masculino?
O obxectivo que nos marcamos o ano que ven é o play off, non se considera un fracaso non telo xogado este ano porque cando un equipo traballa, ten sacrificio e compromiso pois non se pode catalogalo desa maneira, malia que, o plantel que estamos creando coa base sólida do ano pasado son xente experta, a cal estivo en Preferente ou en Terceira e, a pouco que nos respecten un pouco e a xente siga tendo o mesmo compromiso que o ano pasado, o equipo debería estar loitando polo play off. E medrando en equipos, a parte do sénior, xuvenil e cadete que xa se consolidaron, imos sacar un alevín, que posiblemente saia adiante sen problema ningún porque xa hai xente apuntada. A maiores, imos sacar un filial na liga local de Lugo, para aqueles xogadores que non dan para o primeiro equipo e así non deixar sen oportunidades á xuventude do pobo.

Como se convive cun club cun prestixio forte como o Castro feminino?
A convivencia é boa, ata agora tivemos moi boa relación. Adestrábamos o luns e o xoves despois do equipo feminino e, de feito a final de tempada fixemos unha cea en conxunto así como un partido entre nós, ben é certo, salvando as distancias xa que non deixa de ser unha liga profesional a delas e a nosa unha amateur. Intentamos apoialas sempre, igual que elas a nós. Aínda que sexa unha estrutura feminina por un lado e unha masculina por outra, inténtase que sexa un total de equipos Castro FS. Coas categorías de base feminino é exactamente igual e co primeiro equipo este ano foi un éxito o que fixeron e esperamos que para o ano sigan mellorando xa que, ao final todo o que sexa repercusión deles e repercusión para o club.
Que necesidades teñen de cara á próxima tempada?
A directiva con nós portouse de marabilla, cumpriu con todo o pactado en canto a temas de pavillón, de infraestruturas, de material; a verdade, nese sentido non temos problema. O único inconveniente que ten o club é ter un pavillón novo, porque o que hai quédase moi pequeno, de feito temos que ir adestrar ás veces a Cospeito porque non hai suficientes horas alí e, a parte, a RFEF lles esixe certas cousas que non cumpre, malia que tanto a directiva como a Xunta e o Concello están loitando duramente para poder intentar que Castro poida ter un pavillón novo.
Vai cambiar o equipo principal? Cales son as novidades e fichaxes?
O equipo na base vai ser o mesmo que o do ano pasado. O que fixen foi manter o bloque porque temos un grupo estupendo tanto no aspecto deportivo como no aspecto persoal; de feito, renovaron todos menos dúas persoas que por diferentes motivos causan baixa. Dúas fichaxes están confirmadas, Samuel, un rapaz do Casás, e Jesús Mujín, un porteiro de ampla experiencia que estivo estas últimas tempadas no Lugo Sala.
Ten fortaleza o fútbol sala na Terra Chá?
A fortaleza na Terra Chá do fútbol sala é indiscutible. Temos dous equipos en Segunda B, Begonte e Vilalba; dous en Terceira, Outeiro e Guitiriz; logo en Preferente están Castro, Rábade e Vilalba. O potencial é enorme. Non coñezo moitas zonas, e menos nun radio tan pequeno, con tantos equipos en categorías tanto en Preferente Terceira como en Segunda B, tanto masculino como feminino. De feito, Lugo capital non os ten, por moito que se busque, e tampouco se dá na parte do sur ou na Mariña. A nosa zona é moi potente, o noso club é dos que máis maratóns fai e para o Concello que os organiza son unha festa.