A frautista Paula Padín impartirá unha masterclass nas Pontes o sábado 28

TerraChaXa
A iniciativa busca ofrecer formación especializada ao alumnado, permitíndolles traballar aspectos técnicos e interpretativos da man dunha profesional do instrumento
mater-clas-de-flauta
23 Mar 2026

A Escola de Música Banda Cultural e Recreativa das Pontes acollerá o vindeiro sábado, 28 de marzo, unha masterclass de frauta impartida pola recoñecida intérprete Paula Padín. A actividade desenvolverase nas instalacións do centro, situadas na rúa Monte Caxado número 8, e está dirixida tanto ao alumnado do propio centro como a estudantes doutros conservatorios ou escolas de música.

A iniciativa busca ofrecer formación especializada ao alumnado de frauta, permitíndolles traballar aspectos técnicos e interpretativos da man dunha profesional do instrumento. A organización dispón de dez prazas para alumnado activo, que poderá participar directamente nas sesións prácticas da clase.

No que respecta ás tarifas, o alumnado da Escola de Música das Pontes poderá participar cun custo de 20 euros, mentres que para estudantes externos a matrícula terá un prezo de 40 euros. Ademais, tamén se ofrece a posibilidade de asistir como oínte, cun custo de 10 euros, para aquelas persoas interesadas en seguir a sesión sen participar activamente.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través do profesorado de instrumento da escola ou enviando unha mensaxe ás redes sociais da Banda-Escola As Pontes. Tamén se habilitou o teléfono 696 264 627 e o correo electrónico escolademusicaaspontes@gmail.com
para facilitar o proceso de inscrición.

0.12464499473572