A friolesa María Carballido proclámase campioa galega absoluta dos 800 metros lisos

TerraChaXa
26 Feb 2020

A deportista do Club Atletismo Friol María Carballido logrou proclamarse campioa galega absoluta de 800 metros lisos no torneo autonómico disputado o pasado 23 de febreiro en Ourense, un importante hito dentro da súa carreira. María conquería a medalla de ouro ao entrar na liña de meta nun apertado sprint coa representante do Valencia Esports, Leticia Fernández, e marcaba na liña de meta un tempo final de 2.15 minutos.

Pola súa banda, o resto de integrantes da delegación do Atletismo Friol tamén tivo un bo papel neste evento de máximo nivel autonómico como foi o Campionato Galego absoluto de pista cuberta. Así, na proba dos 1.500 metros lisos, Nerea Lage entraba na sétima posición cun tempo de 4.56 minutos, marca que lle dá o pase ao nacional da categoría sub 18 que se disputará en Valencia, mentras que a súa compañeira de equipo, Noelia Sánchez facía un tempo final de 11.05 minutos nos 3.000 metros lisos, entrando en sexta posición. Polo que respecta ao concurso de salto de altura, Samuel Castedo era sexto cun mellor salto de 1.69 metros e o seu compañeiro de equipo Alejandro Fernández quedaba eliminado por nulos.

0.088321208953857