A Fundación Alimerka entregou en 2018 máis de 66.000 produtos de excedentes de alimentación aos servizos sociais de Ribadeo e Foz
A concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, agarda que a colaboración que a Fundación Alimerka ven mantendo co Concello de Ribadeo siga durante máis anos.
A devandita Fundación entregou o ano pasado, en 2018, máis de 66.000 unidades de produtos aos Servizos Sociais de Ribadeo e Foz a través do seu programa Alimentos sen desperdicio. Os artigos foron repartidos, segundo o criterio das administracións locais, a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Sonia Meilán sinalou que “estamos aquí coa Fundación Alimerka agradecendo outro ano máis a súa colaboración en doazón de alimentos frescos e perecedoiros, co que pensamos que contribúen a unha alimentación máis equilibrada. Esperamos seguir colaborando xuntos por moitos anos e estamos abertos a calquera nova idea”.
Antonio Blanco, director da Fundación Alimerka, dixo que “trabajamos para lograr que el 100% de los productos retirados de la venta tengan un destino social y no se conviertan en desperdicio”. E animou “a aquellas entidades sociales y municipales del Occidente de Asturias que puedan estar interesadas en contar con estos excedentes a que se pongan en contacto con la Fundación Alimerka. Estaremos encantados de atenderlos”. A Fundación foi recoñecida co primeiro accésit dos XII Premios Estrategia NAOS por esta iniciativa de doazón de excedentes.
En 2019 seguirá o programa Alimentos sen desperdicio en Ribadeo e en Foz, así como a operación quilo anual que adianta as súas datas e dará comezo o vindeiro 15 de maio prolongándose durante dúas semanas. Os produtos recollidos tamén serán entregados aos Servizos Sociais municipais. Ademais a Cruz Vermella de Lugo forma parte das entidades beneficiarias do Plan de Axuda Alimentaria da Fundación. O ano pasado recibiu 3.600 euros en vales de compra que foron repartidos entre 120 usuarios.