A Fundación ANADE recoñece a labor de integración da Deputación na Rede Museística

TerraChaXa
A deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto; e a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e a representante de ANADE en Galicia, Ángeles Fernández Maira; presentaron este xoves o VIII Premio Integración social 2017 que outorga a Fundación ANADE á Rede Museística da Deputación, pola súa labor a prol da integración e plena inclusión social que desempeña nos 4 museos da provincia.
González, García e Fernández presentando o VIII Premio Integración social 2017
7 Dec 2017

A deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto; e a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e a representante de ANADE en Galicia, Ángeles Fernández Maira; presentaron este xoves o VIII Premio Integración social 2017 que outorga a Fundación ANADE á Rede Museística da Deputación, pola súa labor a prol da integración e plena inclusión social que desempeña nos 4 museos da provincia. A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 16 de decembro no Círculo das Artes da capital. Este galardón forma parte dos 5 recoñecementos que recibiu no último mes a Rede Museística pola súa importante labor social.

García Porto subliñou que “neste sentido, a Rede Museística da Deputación é un exemplo de implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con capacidades diferentes, así como un modelo de accesibilidade a todos os cidadáns en Galicia. Este novo recoñecemento da Fundación Anade é froito de todo o esforzo e labor que desempeñamos dende o Executivo Provincial, neste caso, a través da Rede Museística, pois a nosa filosofía de traballo está encamiñada en ser unha Deputación social e comprometida coas persoas”

A Deputada de Cultura destacou que “somos a única institución a nivel nacional que traballa co modelo da sociomuseoloxía. Este modelo de xestión pioneiro busca converter o museo nun elemento de dinamización e cohesión social, unha institución en permanente interacción, non só cos seus visitantes, senón tamén con todos os actores da sociedade, coproducindo con eles novas actuacións dirixidas á procura dun futuro máis sostible”.

García Porto explicou que os 5 recoñecementos que recibiu o Goberno da Deputación pola súa defensa dos dereitos das persoas son: Fundación Anade, pola integración social 2017, por todos os proxectos en defensa da plena inclusión; foron incluídos no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural polo plan de inclusión que temos en marcha na Rede Museística; o proxecto Nos+utrxs en Rede recibiu a mención de honra no Premio Iberoamericano de Educación e Museos, polo seu papel en prol da igualdade de xénero; así mesmo, o proxecto Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro é unha das dúas iniciativas internacionais seleccionadas por Ibermuseos para desenvolver no próximo ano; e, finalmente, o MINOM recoñeceu a labor social da Deputación elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental.

“Estas políticas sociais que lidera e promove o Presidente da Deputación non só se levan a cabo dende o departamento de Benestar, pois dende distintas áreas como Emprego, Cultura, Deporte ou Turismo traballamos para a integración de calquera colectivo en risco de exclusión social e laboral”, apuntou a Deputada.

Ana González Abelleira recoñeceu a labor do Goberno Provincial por facer a provincia “máis integradora” e agradece a labor de ANADE “que nos permite coñecer dende as administración públicas a enorme labor social que desempeñades na provincia, co fin de conseguir unha plena integración”.

Colaboracións co colectivo
O Executivo Provincial colabora coa Fundación ANADE cunha achega económica de 1.000 euros para a celebración de cursos de formación de teatro durante todo o ano e a través da programación Buxiganga Teatro. O Concello de Lugo cede o espazo do Centro Sociocultural de Fingoi para o desenvolvemento destes obradoiros. En total son 14 veciños da provincia con algún tipo de discapacidade ou enfermidade mental os que participan nestes cursos de artes escénicas impartido por monitores e profesionais da interpretación. Nel realizan exercicios de axilidade, movemento, confección de roupa ou de voz, entre outros moitos.

Fundación Anade
A Fundación Anade é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a integración social e laboral das persoas con discapacidade ou enfermidade mental. Promove e realiza actividades encamiñadas a este fin, a través da arte e a creatividade. A arte e a creatividade é o medio máis eficaz para que este colectivo desenvólvase integramente como persoas e expresen as súas opinións sobre a sociedade na que viven. A través destas actividades e proxectos informan á sociedade e fomentan un mellor coñecemento e intercambio de experiencias entre as diferentes persoas e colectivos que integran a comunidade.

0.18862104415894