A Fundación Educativa e Social Dignidade presentou unha oferta para o hospital de Cabanela
Representantes da Fundación Educativa e Social Dignidade presentaron venres ao alcalde e á tenente de alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero e Elena Candia, respectivamente, unha oferta para adquirir o edificio coñececido como o antigo hospital de Cabanela.
Os servizos xurídicos do Concello informan que esta entidade cumpre os requisitos para tramitar a adxudicación definitiva. Na reunión explicaron o proxecto a situar no edificio que prevé crear un aloxamento turístico xestionado pola Empresa de Inserción Laboral Grupo Dill, promovida pola Fundación, e tamén catro vivendas de inclusión.
Tanto Otero como Candia valoran “moi positivamente” a aposta desta entidade social por Mondoñedo, e que permite cumprir, din, “un obxectivo social tan importante para a nosa sociedade”.
Este Grupo corresponde a un tipo de empresa cuxa finalidade social se orienta á integración e formación social e laboral das persoas en situación de exclusión social como tránsito de emprego ordinario. A Fundación Educativa e Social Dignidade é, ademais, a entidade que xestiona o centro de menores instalado nas dúas primeiras plantas do edificio. Está dotado con 17 prazas e xestionado pola Fundación despois de licitar o mesmo que financia a Xunta de Galicia e que o Concello colabora previamente cedendo parte do edificio para ese fin.
Edificio emblemático
O antigo hospital de Cabanela é un edificio emblemático cuxa rehabilitación e restauración supón un avance na mellora do parque inmobiliario de Mondoñedo e mellora a súa imaxe urbanística, pero tamén permite dotar a esta localidade de novos servizos. Coa construción deste centro de menores, a entidade local xa creou unha ducia de postos de traballo e prevé medrar. Isto foi posible grazas ao convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo que achegou ao Concello 450.000 euros para adquirir o edificio e que a entidade local devolverá integramente unha vez rematado o proceso de venda.
O inmoble é un edificio que tivo uso hospitalario na segunda metade do século pasado ata o ano 2003 que cesou a actividade. Agora, grazas ás novas negociacións do goberno local, adquire unha nova función, converténdose nunhas dependencias útiles á sociedade mindoniense, e poñendo en marcha un proxecto social que axuda a fixar poboación e que crea emprego.