A Fundación Hospital Asilo de Vilalba defende a súa xestión de persoal
A Fundación Hospital Asilo de Vilalba informou sobre o estado do departamento de enfermería do centro, despois de que o SLG e Vilalba Aberta fixesen públicas unhas críticas e pediran explicacións ao Concello de Vilalba e ao Consello Galego de Benestar.
"É falso que esta Fundación recortase persoal. Non se despediu a ninguén. Produxéronse 2 baixas voluntarias, 1 excedencia voluntaria e 2 baixas por incapacidade temporal. Estamos ante unha situación puntual, na que se está á busca de persoal de enfermería, con oferta pública de emprego ao SEPE, ao Colexio de Enfermería, á Escola de Enfermería, contacto con empresas dedicadas á xestión de persoal sanitario e busca nos canais sanitarios de países extranxeiros", din dende a Fundación, "está informada a Consellería de Política Social e todas as administracións competentes"
"Entre tanto, fíxose unha reorganización do traballo para seguir garantindo a atención aos residentes", engaden, "e seguimos tendo médico a tempo completo e cinco graduados universitarios en enfermería, tres en activo e dous de baixa por incapacidade temporal".
A Residencia conta, nestes momentos, con 88 persoas en nómina, é esixible a presenza de 39,15 profesionais de atención directa e esta Residencia ten 49, é dicir, máis de 9 profesionais por riba do esixido, o que supón un 25% máis de persoal de atención directa do establecido.
Recalcan, que "a súa finalidade primordial é de carácter social, en busca da mellor calidade asistencial para o residente", e lembran que aínda que o ano pasado non houbo eleccións para un novo padroado, "invitamos a asociacións, axentes sociais, institucións e cidadanía a que se presenten as vindeiras candidaturas".