A Gala dos medios en galego anima á sociedade a defender a lingua

TerraChaXa
Que a situación do galego non é perfecta é ben sabido polos asistentes á II Gala dos Medios en Galego celebrada en Pontevedra.
IMG_3010
5 Feb 2019

Que a situación do galego non é perfecta é ben sabido polos asistentes á II Gala dos Medios en Galego celebrada en Pontevedra. Sen embargo, o espíritu do evento resumiuno o humorista Xosé Antonio Touriñán, que animou aos medios alí reunidos e á sociedade “a sacar peito” da nosa lingua. A mensaxe final da gala estivo cargada de optimismo dos xornalistas que non entenden outra forma de informar aos galegos que non sexa na súa propia lingua. E se ben fixeron balance dos logros conseguidos nos últimos tempos, e que se traducirán por exemplo en que en breve haberá en papel un xornal en galego, lembraron as contas pendentes. Entre estas están un maior respaldo das administracións e a reclamación dunha lei de publicidade institucional. E é que queixánse de estar en clara desvantaxe cos grandes da comunicación en Galicia, o que consideran que é unha “discriminación”.

A súa reclamación chegou ben alta e clara a responsables das administracións, porque alí estaban presentes Xosé Leal, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Precisamente este último envioulles unha mensaxe clara de apoio aos medios en galego, para os que dixo que a Consellería de Cultura terá sempre as portas abertas. García recoñeceu que estes medios, na Asociación de Medios en Galego son máis de sesenta, non son os máis fortes pero tamén sinalou que cada vez son máis e cre que se están consolidando, especialmente na rede.

Foron nove persoas as que interviron nesta gala para facer unha radiografía da situación do galego nos diferentes eidos e especialmente nos medios. O debuxante Kiko Da Silva escenificiou a “incerteza” na que se atopa a banda deseñada galega e reclamou apoio económico para este tipo de iniciativas. Luis Álvarez Pousa, de Tempos Novos, indicou que é necesaria unha maior profesionalización dos medios e avanzar na calidade da información e opinión, pero reclamou o esforzo que os medios en galego fan porque, dixo, ofrecen información “con independencia e calidade”. Concluiu que a sociedade “ten que tomar conciencias duns medios sen novas falsas e que non están condicionados”. Pousa indicou tamén que é preciso “dar a voz de alarma ás administracións para que deixen de discriminar no reparto da publicidade”.

Anxos Sobriño, en representación de Cotenol, os técnicos de Normalización Lingüística, Xaime Iglesias, da asociación Cedofeita, e Eva Mejuto, organizadora do Salón do Libro, completaron o evento, xunto con Ubaldo Cerqueiro, vicepresidente da Asociación de Medios en Galego.

Todo isto e moito máis en defensa do galego como unha lingua preparada para informar en calquera eido nunha gala que contou coa voz e música de Ugía Pedreira e co humor de Touriñán, que, como indicou, segue vivo a pesares das “moitas homenaxes” que recibiu na última semana por despedirse do Land Rober.

En definitiva, o espíritu da gala resúmese en que aínda queda moito por facer e por demostrar ao mundo sempre en galego. Iso sí, ganas non faltan.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17068004608154