A Granxa Gayoso Castro acolle un curso de benestar animal do Colexio de Veterinarios

A Granxa Gayoso Castro acollerá a vindeira semana -do 12 ao 15 de maio- un curso de formación de auditores Welfair para vacún de leite organizado polo Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado Daniel García e o presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo José Luis Benedito e o veterinario responsable da organización e coordinación do curso José Antonio Fernández García presentaron esta acción formativa, a primeira que se desenvolve en Lugo para formar auditores cualificados na avaliación do benestar animal segundo o protocolo Welfair Quality, un modelo elaborado por unha quincena de centros de investigación europeos.
Benedito e Fernández destacaron que se trata dunha formación que abre novos campos de traballo para veterinarios e veterinarias xa que tanto granxas, como empresas alimentarias e empresas certificadoras demandan estes perfís profesionais para avaliar as condicións de benestar animal, cada vez máis valoradas polas persoas consumidoras.
O curso, con 18 prazas xa cubertas, encádrase dentro do programa de formación que desenvolve o Colexio de Veterinarios de Lugo, que conta coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través dunha achega anual que neste 2025 alcanza os 5.000 euros.