A Granxa Gayoso Castro recibe novos investimentos por valor de 200.000 euros

LugoXa | TerraChaXa
José Tomé Roca vén de comprobar o funcionamento da nova cisterna de xurro e da trituradora lateral
novos-investimentos-granxa-gayoso-castro
12 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de supervisar en Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei), os novos investimentos da institución provincial na Granxa Gayoso Castro por importe de 200.000€. Concretamente, o mandatario comprobou o funcionamento da nova cisterna de xurro e dunha trituradora lateral que adquiriu a Deputación por preto de 150.000 euros e inspeccionou a pavimentación de diferentes accesos da finca de titularidade provincial por outros 50.000 euros.

Acompañado pola Directora da Granxa Gayoso, Sonia Verdes, o Presidente verificou as melloras da nova cisterna de xurro con capacidade de 14.000 litros. Unha adquisición que, en palabras de Tomé Roca, “permite mellorar a xestión da explotación con criterios de sustentabilidade, cunha utilización máis eficiente dos recursos naturais e os procesos produtivos”. Explicou que esta dotación contribúe a reducir o impacto dos xurros no medio ambiente e na saúde das persoas e contribuíndo a promover prácticas máis sostibles, en consonancia coas políticas da nova Política Agraria Común (PAC).

Revisou tamén a nova trituradora lateral, unha máquina que sirve para facer as rozas e o control da maleza para a correcta xestión das parcelas e dos accesos. Inspeccionou tamén a reparación e asfaltado de 300 m2 do acceso ao garaxe do carro mesturador e a pavimentación dunha pista 1,8 quilómetros desde a nave de secas ata o cemiterio, para mellorar os accesos con maquinaria pesada na contorna das fincas de millo. Estes traballos tiveron un custo estimado de 50.000 euros.

José Tomé enmarcou este investimento no compromiso do Goberno que encabeza co sector primario que demostra con “diferentes políticas e estratexias levadas a cabo en colaboración coa Universidade e o sector produtivo” e sinalou que, o mellor exemplo é esta Granxa “que desenvolve un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega coa colaboración de Acruga; ou co Centro Experimental de Leite, o primeiro público de Galicia que conxuga formación e investigación universitaria sobre o sector lácteo para axudar ás explotacións a ser máis competitivas e sostibles”.

0.19954109191895