A historia da zanfona, este sábado na casa museo de Manuel María
Este sábado, 28 de xaneiro, ás 20.00 horas, a Casa-Museo Manuel María programa a proxección do filme documental, dirixido por Federico A. Rioboo e producido por Cántigas da Terra, Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella. Un documentario de sesenta minutos sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros galegos, o músico de Ferreira do Valadouro, Miro Casabella.
O fío condutor do filme é unha investigación sobre a zanfona e a súa relación co Camiño de Santiago que inicia a aula de zanfona de Escolas da Terra, liderada por Miro Casabella, e pertencente a Cántigas da Terra, coro galego fundado polas Irmandades da Fala da Coruña en 1916. Miro, acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, viaxa por toda Galiza na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presenza de honor no Pórtico da Gloria. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galiza.
A proxección é de acceso libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Tamén o propio sábado, ás 18.30 hrs, o Clube de Lectura da Casa-Museo contará coa compaña dunha convidada especial, a poeta de Labrada (Guitiriz), Luz Campello, que vén de publicar hai uns meses o poemario Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, libro este que será obxecto de lectura e comentario da sesión deste sábado xunto a novela de Brais Lamela, Ninguén Queda.