A historia dos Segadores da Órrea en terras de Castela no Museo do Pobo Galego
O documental 'Segadores da Órrea en terras de Castela, unha historia de heroes' da asociación de veciños e veciñas de Santa Comba de Órrea, proxectado no Museo do Pobo Galego. A proxección desta peza audiovisual terá lugar a partir das 11.30 horas da mañá e chega a este punto xa rematando o seu percorrido por Galicia e visto ata agora por máis de 2.000 persoas.
O documental conta coa participación de 29 homes que participaron na sega en Castela, fenómeno este que se deu por rematado avanzada a década dos 60 do pasado século. Participan tamén dúas mulleres, que ofrecen a visión dos/das que se quedaban.
No presentación do documental, á parte de investigadores/as do Museo do Pobo Galego e das directoras do documental, Laura Alonso Carracedo e Vanesa Gómez Lourido, participarán tres segadores da Órrea que foron nos anos 60 a Castela. O acto será arroupado de forma moi especial por un dos máximos especialistas na investigación deste fenómeno, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo.
Serán presentadas tamén no evento dúas unidades didácticas, sobre os ferreiros e sobre os segadores da Terra de Miranda, elaboradas ao mesmo tempo ca o documental. Estas unidades didácticas acaban de recibir un dos "Premios Educacompostela" para materiais didácticos que contribúen ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica. Os Premios son convocados polo Concello de Santiago e polo movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, e serán entregados este próximo xoves, día 21 de novembro.