A I proba de orientación de Lourenzá celebrarase finalmente o 8 de marzo
A primeira Proba Popular de Orientación a pé Concello de Lourenzá, que se suspendeu o 22 de decembro de 2019 debido ao temporal que houbo esa fin de semana, convócase agora para o 8 de marzo deste ano. Está organizada conxuntamente polo Club Atletismo Lourenzá e o Club Fluvial de Lugo, coa colaboración do Concello de Lourenzá e as Escolas Deportivas Lourenzá.
O inicio deste evento deportivo terá lugar ás 10:30 horas e o peche de meta será ás 12:45 horas. Haberá tres categorías: Iniciación Curta (menores de 10 anos, con 12 balizas), Iniciación Longa (para maiores de 10 anos, con 14 balizas), e avanzada/adestro federados (con 22 balizas). Ás 10:00 horas, previamente á saída, daránselles instrucións aos corredores noveis nas probas de orientación. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría.
Os organizadores explican que “quen estaba apuntados para participar o 22 de decembro xa o están automaticamente para a proba do 8 de marzo, pero se algúns non lles vai ben a nova data poden solicitar a devolución da inscrición. Ademais poden apuntarse novos participantes”.