A igrexa do Vicedo acolle unha mostra de arte sacra ao longo de setembro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 sep 2019

Os integrantes da Orde Templaria do Vicedo non só fan de guías do patrimonio monumental máis senlleiro da localidade, como é a igrexa parroquial de Santo Estevo do Val, senón que ademais cada ano se ocupan de dar a coñecer outros elementos patrimoniais como por exemplo estandartes antigos da comarca da Mariña ou parte da arte sacra de varios séculos atrás, que atesora a Igrexa e que eles logran solicitar para poder mostralo en exposición, a modo de museo. A mostra do ano pasado basouse nos estandartes da comarca, pezas de tela que adoitaban representar ás parroquias en enterros ou en actos solemnes. O presidente do colectivo, Manuel Salgueiro,  asegura que no Vicedo hai unha, bordada en ouro de máis de 200 anos, gardada baixo un cristal porque o tecido vai deteriorándose co paso do tempo.

A mostra deste ano está formada por pezas de arte sacra dos séculos XVII e XVIII. Salgueiro especifica que se trata de tallas coma as de San Roque, San Estevo, un San Nicolás, unha Santa Lucía que foi repintada en 1835 e un Cristo do século XVII.

O colectivo vicedense encárgase de facer saber a veciños e turistas que a igrexa do Vicedo é única porque nela naceu o Conde de Fuensaldaña, descendente de Alonso Pérez de Viveiro.

Nela destaca o retablo maior, neoclásico, con altorelevo que presenta a lapidación de San Esteban e nos laterais, pinturas adicadas ao seu enterro pintadas por Juan de Castinande, en 1835.

A importancia histórica e patrimonial do Vicedo neste senso vai máis aló, xa que as igrexas de Riobarba; Cabanas, que presenta un xabarín símbolo da familia, e San Pantaleón de Ourol foron dos condes de Andrade. Así, que non só a basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz, a seo mindoniense ou os conventos e igrexas laurentinos son na Mariña os principais monumentos neste senso, senón que no mapa do patrimonio monumental mariñán convén situar tamén a O Vicedo.

Curiosamente este Concello é un lugar de visita indispensable para quen acuda á Mariña buscando o seu principal patrimonio medieval e eclesiástico. E isto acontece deste xeito porque, segundo Salgueiro, en torno aos anos 50 do pasado século, substituíse a imaxinería antiga polas que regalaban as familias, que adoitaban ser de madeira. Nuns casos, a Igrexa vendeu pezas, pero noutros, outros sacerdotes preocupáronse por gardalas e atesoralas, de xeito que chegaron ata os nosos días para poder velas como pezas de museos. Non sempre poden estar expostas pola súa historia e incalculable valor, por iso só se amosan de vez en cando, coma nesta exposición no Vicedo. A meirande parte das pezas expostas teñen entre 80 e 90 centímetros de altura.

0.11646795272827