A II Carreira Greenpower Galicia reúne este mércores a 10 equipos no circuíto de karting das Pontes

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport, organiza, este mércores, 18 de xuño, de 09:00 a 17:30 horas, no circuíto de karting pontés, a II Carreira Greenpower Galicia, un campionato non clasificatorio no que participan un total de 10 equipos nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos) procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma e de Asturias.
O obxectivo desta carreira é o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando unha única batería eléctrica sen a posibilidade de recargala ou de cambiala durante o percorrido. Para iso, o estudantado de ESO, de Bacharelato, de FP e de universidade participante poderá usar un vehículo eléctrico construído a partires dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia no que se inclúen as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor, así como un par de baterías, ou competir cun coche creado “desde cero”. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible.
Os equipos participantes na categoría F24, de 11 a 16 anos, terán que superar unha proba de resistencia de 90 minutos de duración no circuíto de karting situado no Concello das Pontes, cambiando de condutor ou condutora, de xeito obrigatorio, nalgún momento da proba. Os equipos participantes na categoría F24+, de 16 a 25 anos, deberán superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración sen a obriga de mudar de condutor ou condutora do vehículo en ningún momento do percorrido.
Un ano máis, colaboran nesta iniciativa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol, o Concello das Pontes, a Real Federación Española de Automobilismo, Greenpower Iberia, o grupo Intaf, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia e a Carpintería Madesa das Pontes xunto con Supermercados Gadis.
Entre os participantes hai tamén un equipo das Pontes, o Kastro Sport Teams, catro equipos de Ferrol e un de Narón, un de Viveiro, un de Sanxenxo, un de Ribadavia e outro asturiano.