A ilusión tras do festival Entrepontes

TerraChaXa
O colectivo Fillos do Chaira é o responsable desta cita e doutras que dinamizan a vida cultural de Rábade.
fillos do chaira rabade4
12 May 2024

O colectivo Fillos do Chaira é o responsable desta cita e doutras que dinamizan a vida cultural de Rábade.

Rábade prepárase para celebrar este mes de maio a segunda edición do festival de musica Entrepontes, no que se espera, como pasou o ano pasado, encher a vila de afeccionados á música.

Pero detrás deste gran proxecto hai tamén un colectivo, Fillos do Chaira, que desde a elección do seu nome ata as actividades escollidas, ten como finalidade impulsar o acervo cultural rabadense.

Fillos da Chaira está formada, como o seu propio nome indica, polos herdeiros da asociación Chaira, fundada pola xeración precedente e que era un referente das festas de agosto. Este antigo colectivo abría un local durante as celebracións estivais no que se mesturaban todas as xeracións. Sobre o 2015 esta asociación esmoreceu e no 2019 os herdeiros toman a testemuña e emprenden unha nova aventura cultural.

Como os seus predecesores abriron un local durante as festas de agosto e como primeira actividade recuperaron un vídeo do paso dos veciños por un programa de televisión que puxeron en aberto para todos. Animados pola resposta veciñal comezaron a realizar máis actividades, como unhas charlas científicas, que se facían nun bar, como unha proposta cultural diferente.

Porén, chegou a covid-19 e a súa actividade, que acababa de nacer, freou en seco. Pero non se deixaron desalentar polo virus e aproveitaron para facerse cun local propio para retomar o programa no 2022. Volveron coller o local das festas e, ao ano seguinte, xa se plantexaron o gran proxecto do colectivo, que é o festival Entrepontes, “algo que víamos coma un sono pero que a base de esforzo conseguimos que fose unha realidade”, explica a secretario, Alejandro Vilar.

Malia o stand by no que quedou a cultura, o colectivo seguiu crecendo, desde os 12 que comezaron ata os 17 que actualmente conforman unha directiva de veciños e veciñas de entre os 25 e os 35 anos.

Así, pouco a pouco foron ideando novas formas de ofrecer actividades do gusto da veciñanza. Celebraron algún concerto, unha sesión de monólogos, unha festa dos 80 e houbo unha pequena actuación de teatro dun dos asociados, estudante de Arte Dramático.

ACTIVIDADES CONSOLIDADAS

Naceu tamén despois do verán outra das actividades estrela da programación, o club de lectura, unha reunión mensual na que 20 persoas fieis debaten sobre un libro durante unha xuntanza na que conviven cultura e ocio. “É sen dúbida un logro manter activa mes a mes esta actividade, nas que non hai barreiras de idade, xa que os participantes son de todas as xeracións”, di Alejandro.

A outra actividade consolidada son os documentais falando de Rábade. Trátase dunha proposta audiovisual na que entrevistan a un grupo de maiores para que fale do pasado da vila. O primeiro fíxose no 2021 e entrevistaron a aqueles que naceron antes de 1940. O ano pasado foi a vez do grupo de idade entre 1940-1945. “Recollemos testemuñas de como era a vila, montámolo e logo proxectámolo nunha sesión aberta. Cremos que é un proxecto moi interesante que cohesiona a vila e os protagonistas tamén desfrutan de contar estas cousas”, aclara Alejandro.

O FESTIVAL

Pero a actividade máis representativa de Fillos do Chaira é o festival. A idea xurdiu pola afección da maioría dos seus membros aos festivais, nos que teñen unha ampla experiencia. “Queríamos intentar que Rábade tivera algo como isto, para que a xente puidera desfrutar, para poñer Rábade no mapa pero tamén para traer xente nova, cremos que lles pode amosar un ocio diferente”, lembra o secretario da asociación.

A primeira edición foi “fantástica”, segundo as súas palabras, “a resposta do pobo foi moi boa, os artistas quedaron moi contentos e para nos foi un empurrón importante”.

Ninguén dubida que a organización dun festival require moito esforzo, “que moita xente da asociación pase moito tempo de forma altruísta traballando neste proxecto” por iso non deixa de ser o logro máis importante ata a data. “Cando tomamos a decisión non sabíamos como ía saír e é un orgullo que fora tan ben”.

O festival de Entrepontes é agora mesmo o centro de traballo de Fillos do Chaira “e ata que termine a cabeza non pode estar noutro sitio”, polo que non teñen claro cara onde seguirán, aínda que están barruntando algún plan, pero nada definido. O tema musical gusta moito no colectivo polo que están a darlle voltas a idea de facer concertos de pequeno formato.

Para poder facer isto necesitan unha certa infraestrutura, xa que o local que teñen é pequeno e non está preparado para moito público. Así, sosteñen que unha das súas carencias é o espazo. “Si estivéramos mellor preparados, poderíamos conseguir unha programación musical de forma continuada, ese é un dos nosos obxectivos a medio prazo”.

O PROGRAMA DO FESTIVAL

A segunda edición,do Festival Entrepontes, que terá lugar o 25 de maio, volverá ser unha cita coa música gratuíta para os asistentes.

A primeira confirmación do festival foi o grupo Lontreira, ao que seguiu o representante do celtic punk Tecor Societario. Outro dos grupos que completan o cartel do Entrepontes será Berta Fránklin, que cautivará coa súa mestura de soul, psicodelia, new-wave e rock actual.

Rábade tamén será o escenario para a estrea de Catalina Grande Piñón Pequeño en Galicia, onde ofrecerán a súa primeira actuación nun festival da comunidade.

E para a sesión vermú, algo de humor, estarán no Entrepontes The Teta’s Van coas súas versións do rock’n roll. Pecha o cartel Marqués de Vilapodre DJ, que fará unha sesión cos mellores temas para que a troula continúe.

0.20405507087708