A IX Festa do Comercio de Ribadeo repartiu 4.000 euros en vales de compra

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A IX Festa do Comercio repartiu 4.
13 Xan 2020

A IX Festa do Comercio repartiu 4.000 euros en vales de compra, que as afortunadas poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos dous vindeiros meses.

Desde o pasado 1 de decembro Acisa repartiu 200.000 papeletas entre os clientes do comercio e da hostalería asociados. Milleiros de persoas encheron nesta xélida noite a carpa e os arredores do parque de San Francisco. Tres pantallas xigantes e varios altavoces permitiron que todo o público puidese seguir con comodidade, tanto no interior como no exterior, a IX Festa do Comercio da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, que tamén se retransmitiu en directo a través de facebook.

O primeiro premio foi o denominado como non presencial, que se coñeceu mediante un programa informático, e que lle correspondeu ao número 77.801. O posuidor ou posuidora desta papeleta dispón ata o día 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e así cobrar o premio. De non presentarse considerarase deserto.

As outras tres papeletas foron extraídas polas mans inocentes de tres nenas: Mar, Antía e Catalina, que levaron un agasallo de 50 euros en vales de compra de Acisa para gastar nos establecementos asociados.

O premio de 500 euros en vales de compra foi para o número 150.928 e correspondeulle a Ana María de la Cuétara González; o premio de 1.000 euros foi para o 35.774 e levouno Mª Teresa López García; e os 2.000 euros en vales de compra foron para o número 2.815. A gañadora foi Mari Carmen Río Ríos. Os premios fóronlles entregados polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, polo presidente e polo vicepresidente de Acisa, Francisco Iriarte e Juan Andina, respectivamente. As tres afortunadas son veciñas de Ribadeo.

As papeletas afortunadas foron entregadas en Farfala, en La Moda e en Bis a Bis.

0.092519044876099