A lectura do pregón abriu as festas das Pontes

TerraChaXa
Este ano o pregón das festas das Pontes estivo dedicado ás mulleres e homes que plantaron cara á pandemia durante o ano 2020
pregon festas as pontes1
16 Xul 2022

Este ano estivo dedicado ás mulleres e homes que plantaron cara á pandemia durante o ano 2020. Este foi o contido:

Queda lonxe aquel mes de marzo de 2020, cando de maneira espontánea e durante case dous meses, comezamos a saír ás xanelas e balcóns das nosas casas para aplaudir a todas aquelas persoas que, día tras día, daban o mellor de si para que ninguén quedase atrás, para que ningunha persoa que crese abandonada á súa sorte, para que ningunha persoa maior sentise soa, para que nas nosas casas non faltase a comida ou para que as nosas fillas e fillos puidesen ter unha celebración de aniversario especial aínda que non fose a soñada.

A historia do ano 2020 estará marcada, sen dúbida, por unha crise sanitaria sen precedentes. Unha pandemia que cambiou a nosa forma de vivir e que nos ensinou a valorar o que realmente importa.

A pandemia obrigounos ao distanciamento pero soubemos romper esa barreira e atoparnos, cada tarde, ás 20:00 horas para aplaudir á vida e para buscar a forza que necesitabamos para seguir adiante.

A pandemia tróuxonos dor, sufrimento e soidade pero tamén trouxo a solidariedade e permitiunos recuperar valores esenciais, que tinguiron o noso espírito de esperanza e ilusión, sabendo que non estabamos sós e que centos de persoas velaban pola nosa vida.

Agora chegou o momento de volver aplaudir e mostrar toda a nosa gratitude a aquelas mulleres e homes, veciñas e veciños do noso pobo que plantaron cara á pandemia, na primeira liña de batalla, nos momentos de maior incerteza. As Pontes ten o deber e a obriga de recoñecer o seu traballo, o seu esforzo e o seu sacrificio.

Elas e eles son os protagonistas do pregón das nosas festas patronais. Mulleres e homes que dedicaron a súa vida para coidar doutras vidas e que levaron a súa xenerosidade e o seu compromiso ata o extremo.

Este é a nosa pequena mostra de gratitude e recoñecemento á forza, compromiso e valentía que durante aqueles meses mostraron os traballadores e traballadoras municipais do servizo de Obras, do departamento de Benestar Social, do Servizo de Axuda no Hogar, aos persoais da Policía Local e a Garda Civil e Bombeiros, ás voluntarias e voluntarios de Protección Civil, ao sector dos transportistas, ao tecido comercial do noso pobo, ao persoal das farmacias e ás sanitarias e sanitarios das Pontes.

Quizá a historia non lembre os seus nomes, pero nós non os esqueceremos nunca. A elas e a eles debémoslles todo.

Grazas por coidarnos!

0.18510603904724