A Liga Nacional de Billarda arranca en Cervo cunha gran participación e emoción na primeira xornada da tempada

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Setenta e dous xogadores déronse cita no encontro inaugural, marcado pola boa convivencia, a expectación e o triunfo de Markytos dos Billardeiros Musicais
cervo-LNB-Billarda-outubro-2025
27 Oct 2025

A Liga Nacional de Billarda da Conferencia Norleste iniciou a súa nova tempada en Cervo cun arranque cheo de ganas e ambiente competitivo, logo de ter que anular as dúas xornadas anteriores por causas meteorolóxicas. Nesta ocasión, o tempo amosouse cómplice e permitiu celebrar sen contratempos unha cita moi agardada polos afeccionados a este deporte tradicional galego.

A competición contou cunha ampla participación: 72 palanadores e palanadoras (50 homes, 16 mulleres e 6 nenos) que amosaron a súa destreza e entusiasmo ao longo da xornada. A organización destacou o bo ambiente e o espírito deportivo que reinou en todo momento, a pesar de que a inactividade previa se notou nas puntuacións, que foron xeralmente máis baixas do habitual. Só os tres primeiros clasificados superaron a barreira dos vinte puntos.

O novo sistema de xogo, que limita a seis o número máximo de golpes por xogada, foi ben recibido polos participantes e non xerou complicacións. Marcos, do equipo Troitas Bravas, protagonizou o primeiro varado da tempada cun golpe espectacular que puxo en pé ao público, aínda que non se repetiron máis accións dese nivel.

O triunfo absoluto foi para Markytos, dos Billardeiros Musicais, que se levou a tradicional “navalla” cun total de 24 puntos. O segundo e terceiro posto foron para Seixas, de Billarda Verde, e Gundar, de Madia Leva, ambos con 20 puntos.

Na categoría feminina, o equipo Castiñeiro Milenario impúxose con Cris no máis alto do podio e Vanesa en terceira posición, mentres que Alba, de Troitas Bravas, conseguiu o segundo posto. En infantís, o protagonismo foi para o conxunto anfitrión, que copou o podio con Roi, Mateo e Martín.

Por equipos, os Billardeiros Musicais comezan a tempada con forza, superando a Troitas Bravas e Madia Leva e situándose como primeiros líderes da clasificación xeral.

Tras a entrega de agasallos aos gañadores, a organización anunciou que a seguinte xornada disputarase o domingo 9 de novembro en Penas de Rodas, onde se agarda repetir a boa acollida e o ambiente deportivo desta primeira cita.

⚙ Configurar cookies
0.074785947799683