A localidade de Friol será sede da VIII Copa Federación Galega de Cans de Parada

LugoXa | TerraChaXa
A proba desenvolverase en terreos do Tecor Cova da Serpe, un espazo recoñecido polas súas condicións para este tipo de competicións
cansa-de-caza
26 Dec 2025

Este sábado, o 27 de decembro, o concello de Friol converterase no epicentro da cinofilia galega coa celebración da VIII Copa Federación Galega Xunta de Galicia de cans de parada, na modalidade de caza sen morte sobre arcea. A cita reunirá a participantes e afeccionados chegados de distintos puntos de Galicia nunha xornada marcada pola deportividade, o respecto pola fauna e a posta en valor do traballo dos cans no medio natural.

A proba, organizada pola Federación Galega de Caza coa colaboración da Sociedade de Caza de Friol e o apoio da Xunta de Galicia, desenvolverase en terreos do Tecor Cova da Serpe, un espazo recoñecido polas súas condicións para este tipo de competicións. O evento está concibido como unha mostra da caza responsable, na que se avalían as capacidades de busca, mostra e obediencia dos cans, sen causar dano ás pezas.

Ademais do seu carácter competitivo, a Copa pretende ser un punto de encontro para persoas vencelladas ao mundo rural e á conservación do patrimonio natural, reforzando valores como o coidado do entorno, a ética deportiva e a tradición cinexética. A presenza de entidades colaboradoras e patrocinadoras contribúe a consolidar esta proba como unha referencia no calendario galego.

⚙ Configurar cookies
0.074906826019287