A loita olímpica de Vilalba acada o terceiro posto na final da Liga de Deporte Base

TerraChaXa
A seguinte cita deportiva para o club será o Campionato de España Sénior, que se celebrará o 14 de xuño en Barcelona
escolas-deportivas-loita-vilalba
26 May 2025

O Club de Loita Olímpica de Vilalba participou esta fin de semana na xornada final da Liga de Deporte Base, celebrada no Concello da Estrada, onde lograron un meritorio terceiro posto, despois de catro tempadas consecutivas como campións.

Desprazáronse cun grupo de 30 nenas e nenos para disputar a final A, na que competían as 6 mellores escolas das zonas norte e sur. O Keltoi de Vila de Cruces proclamouse campión, seguido polo San Ignacio de Vigo na segunda posición.

Esta actividade, de carácter lúdico e formativo, busca fomentar o deporte entre os máis novos, ofrecéndolles unha oportunidade para poñer en práctica o aprendido ao longo da tempada. Segundo datos da federación, este ano máis de 200 nenos e nenas participaron na xornada final, moitos deles pertencentes a escolas de recente creación.

A seguinte cita deportiva para o club será o Campionato de España Sénior, que se celebrará o 14 de xuño en Barcelona. Alí contarán coa representación de José Cuba, Catriel Pehuén e Kevin Cuba, tres deportistas que se atopan a ultimar a súa preparación en Vilalba, acompañados doutros atletas galegos. Todos eles adestran nas instalacións do club vilalbés, recoñecido como NADE (Centro de Adestramento de Rendemento Deportivo) pola Secretaría Xeral para o Deporte.

⚙ Configurar cookies
0.16286516189575