"A loita polo poder no PSOE e o baleirado de SUPLUSA leva consigo o peche dos catamaráns en outubro" para o BNG
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, sinalou como “inaceptable” o feito de que a Deputación peche o servizo de catamaráns nas rutas fluviais do Sil e o Miño antes da data prevista. Para o BNG “trátase dunha volta atrás en todo o traballo feito pola Deputación na desestacionalización do turismo nesta zona do sur de Lugo”. Ferreiro lembrou como, mentres o BNG tivo responsabilidade de goberno na área de turismo da Deputación, “traballamos con todos os axentes turísticos da zona para avanzar nunha desestacionalización que agora se trunca por unha liorta interna do PSOE”
O voceiro do BNG achacou “á bicefalia do PSOE na Deputación” o feito de que se peche a actividade dos catamaráns, dado que no seu día sacóuselle a encomenda a SUPLUSA para quitarlle competencias á esta empresa pública, tal e como tamén se fixo despois coa construción das residencias. Con estas medidas intentan “limitar” as competencias do vicepresidente da Deputación e novo presidente de SUPLUSA. Ferreiro lembrou como Manuel Martínez foi nomeado presidente da Sociedade Urbanística Provincial grazas ao apoio do PP e contra a vontade dunha parte do equipo de goberno socialista na Deputación. “As loitas de poder no PSOE e o seu aproveitamento por parte do PP provocaron que se intente aleirar de contido a SUPLUSA, con consecuencias tan graves como estas situacións que prexudican a unha zona que ten no turismo unha das mais importantes fontes de ingresos” afirmou Ferreiro.
Xosé Ferreiro afirmou que “vai ser o sector turístico e os veciños e veciñas do sur de Lugo quen vai pagar no seu lombo as consecuencias da existencia dunha bicefalia no goberno da Deputación” e lembrou que “O BNG sempre estivo en contra de que o presidente de SUPLUSA fose unha persoa diferente ao presidente da Deputación, precisamente para evitar este tipo de situacións”. Ferreiro explicou “a Deputación tiña encomendada a xestión dos catamaráns a SUPLUSA e co cambio de criterio e cunha gran cacicada encomendoulla a TRAGSA. As consecuencias son claras, pois agora o goberno provincial pecha o servizo”. Para o BNG “as escusas de tipo administrativo e de facturación non poden desculpar o dano que se lle fai a toda unha comarca e, en todo caso, serían perfectamente salvables se houbera vontade política para facelo, pero o problema é outro”.