Á luz da lúa desenvolverase a segunda andaina sensitiva da Ruta da Pedra de Díaz Castro
O Concello de Guitiriz, coa colaboración da asociación astronómica coruñesa Ío, propón unha segunda andaina sensitiva da Ruta da Pedra de Díaz Castro.
Será o venres 11 de agosto cando antes da saída da lúa, arredor das dez e media da noite, se desenvolva unha observación astronómica no Vilariño, punto de saída da camiñada, para ver con telescopio e baixo un ceo escuro, algúns obxectos destacados do ceo do verán.
Xa pasada a medianoite emprederase unha camiñada nocturna á luz da Lúa pola Ruta da Pedra de Díaz Castro, moi preto do máximo da chuvia de estrelas das Perseidas. O remate do roteiro está previsto para as dúas da madrugada e a chegada a Guitiriz en autobús para as dúas e media.
De igual xeito, haberá servizo de autobús dende Guitiriz ás dez da noite. As persoas interesadas en facer uso deste servizo deberán anotarse na Casa do Concello de xeito presencial, a través do teléfono 982 370 109 ou do enderezo electrónico info@concellodeguitiriz.com.