A Magdalena estrea un espazo multideporte para todas as idades nas Pontes

A veciñanza das Pontes xa pode gozar do novo espazo multideporte situado no Poboado da Magdalena, unha actuación impulsada polo Concello para crear un lugar de encontro, práctica deportiva e convivencia. O alcalde, Valentín González Formoso, acompañado da concelleira de Xuventude, Lorena Tenreiro, visitou a instalación para comprobar o resultado final e conversar cos primeiros usuarios da pista.
'Con esta actuación respondemos a unha demanda histórica da veciñanza da Magdalena e do conxunto das Pontes. O novo espazo fai o barrio máis inclusivo, seguro e accesible e exemplifica o compromiso municipal coa transformación dos espazos públicos ao servizo da cidadanía', subliñou o rexedor, quen engadiu que o obxectivo é continuar fomentando actividade física, ocio saudable e integración interxeracional.
A obra foi executada pola empresa pontesa Huso 29 cun investimento de 181.427 euros, financiados pola Deputación da Coruña. O proxecto centrouse en mellorar funcionalidade, seguridade, eficiencia enerxética e sustentabilidade dunha das prazas interiores do poboado a través da instalación da pista e da renovación do seu contorno urbano.
A nova infraestrutura, de 20 metros de longo por 10 de ancho, permite practicar fútbol, baloncesto e balonmán. Dispón dunha estrutura de tramex con cores variadas, dúas porterías nos laterais curtos, taboleiros de baloncesto e dous taboleiros de minibasquet. A contorna reformouse con formigón armado de tonalidade semellante á da praza principal e equipouse con bancos, papeleiras e xardineiras.
Para asegurar accesibilidade total, renováronse os itinerarios peonís arredor da pista e nas traseiras das edificacións próximas, substituíronse as tapas de rexistro e aplicáronse criterios de ergonomía e seguridade que eliminan barreiras físicas. A iluminación ampliouse con farois LED de baixo consumo, e o mobiliario urbano emprega materiais sustentables e reciclables, con madeiras certificadas.