A Malla regresa para revivir a tradición e unir á veciñanza

O domingo 24 de agosto, a praza de Meira volverá transformarse nun campo de traballo tradicional para acoller unha nova edición da Malla, unha celebración que revive a antiga forma de mallar o trigo con métodos artesanais. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2006, a cita, organizada pola Asociación de Amigos da Malla de Meira, mantén vivo un legado cultural que marcou xeracións.
A idea de recuperar esta tradición xurdiu nos anos 90, cando un grupo de veciños, tras mallar o millo nunha finca, pensou que sería boa idea compartir aquela experiencia co resto do pobo. Así naceu esta festa, que ademais de recrear un traballo duro do campo, tamén favorece “a xuntanza dos veciños”, como lembra Manuel Pardo, organizador do evento. “A malla era traballo, pero tamén era convivencia, era comunidade”, explica.
A primeira edición celebrouse en 1991 ou 1992, e dende entón a festa foi medrando e renovándose. “Agora somos unha asociación de oito persoas, pero sempre temos colaboración de xente de Meira e mesmo de fora, que nos axuda tanto na organización como no traballo propio do día da festa”, conta Pardo.

Cada edición incorpora novidades, e este ano non será excepción. A principal será que a malla comezará xa o sábado, cunha xornada previa na que se instalarán as máquinas, se construirá a meda e se incluirá un pregón, que estará a cargo de Mario Outeiro, director do colexio. Ademais, haberá música en directo, porque, segundo o organizador, “sen música non ten graza”.
O domingo arrinca cedo, antes das sete, coa elaboración dos tradicionais buñuelos. Entre as doce e a unha, comezan a repartirse, unha delicia típica. A recreación da malla será, como cada ano, unha homenaxe ás xentes do campo, e incluirá a participación de nenos e nenas, que tamén terán o seu espazo no proceso do pan e nas tarefas do campo. “O ano pasado xa os metemos no campo da malla, e este ano repetimos. É importante que tamén coñezan de onde vimos”, apunta Pardo.
A programación musical tamén estará presente durante todo o día, con actuacións da Banda de Acordeóns de Meira, a Banda de Gaitas Escola, o grupo Aturuxas e Sorteiros, Faíscas da Fonsagrada, D’Caché e Carunchos, que ofrecerán un concerto como peche da festa.
A organización desta celebración require un traballo constante durante todo o ano. “Cando rematas unha festa, xa estás pensando na seguinte”, recoñece o organizador. O proceso comeza coa sementa do trigo entre novembro e febreiro, segar en agosto e facer a meda. Finalmente, o día 24, celébrase a malla na praza, con maquinaria antiga que se conserva grazas á colaboración veciñal.
A Malla de Meira é moito máis ca unha festa: é memoria viva, é recoñecemento ao traballo do pasado e, sobre todo, é identidade colectiva.